Opinión

TERRACEANDO CON CHAQUETA

O primeiro indicio de que un se vai facendo maior é cando comeza a falar do tempo como recurso nos ascensores compartidos e mira unha e outra vez as páxinas de Meteogalicia ou WindGURU para saber se as malditas témporas volverán aliarse coa pertinaz crise traendo unha fin de semana pasada por auga e negra sombra. Neste País dos mil ríos e o millón de vacas non acabamos de asimilar que para que uns e outros continúen con boa saude ten que seguir chovendo e amencendo con brétemas e neboeiros, que diría o inesquecible Santiago Pemán.


Coa teima que se nos deu na época dourada do ladrillo de chamarlle a Sanxenxo a Marbella do Norte e a Baiona o Puerto Banús do Val Miñor, chegamos á conclusión de que os areáis de Praia América tíñannos que abrasar como os de Benidorm e que as augas da Lanzada tiñan que ferver como as de Torremolinos; pero iso sí, os nosos montes tiñan que seguir verdes como os campos artificiáis de golf que, cal cogumelos en outono, invadiron a Rexión de Murcia, onde a súa famosa Horta foi substituída por milleiros de adosados perfectamente dotados de piscinas e impecables xardíns regados coa auga saída de non se sabe onde, nunha rexión onde o líquido elemento ten máis valor ca propia gasolina; xa que neste País, Reino de Taifas insolidarios, as Autonomías son quen de entrar en guerra por facerse donas e señoras das augas dos seus ríos. Ó final vai ter razón aquel que predecíu que a cuarta guerra mundial xa non sería polo petróleo senón pola auga.


Pois parece que, salvando eses raros veráns de seca e arrase incendiario, por estes lares estamos destinados a ser ese exército de aldea gala que loitará por preservar ese ben tan preciado co que a natureza quixo agasallarnos, a auga; aínda que moitos de nós non entendamos moi ben como pode ser que despois de invernos e primaveras nas que 'deus toca a xuizo', desbordando ríos e regueiros, seguidos duns meses máis ou menos secos, volven os medios de comunicación a falarnos da posibilildade de restriccións á hora de abrir a billa.


Eu confésolles que son pouco de chuvias, e menos durante o verán, e moito menos nas fins de semana que, como sempre digo, é o único momento que moitas persoas teñen para disfrutar do pouco que aínda queda gratis, o sol e o baño. E polas trazas que levamos, dame a impresión de que todo está confabulado para volver amolarnos o mes de xullo que é, como sabemos, o autenticamente caloroso en Galicia. Non é moi normal que para terracear esta semana na rúa ourensá dos viños houbera que poñer unha chaqueta, cando o lóxico sería estar compartindo caña e abano, recordando os tempos nos que os xeados de 'La Ibense' ou 'El Cortijo' que degustabamos agardando pola 'Batalla de Flores' se derretían antes de chegar ó fin do cucurucho.


Xa sei que o tempo está tolo e que todo é froito do cambio climático e todas esas cousas, pasando de ver como o termómetro da Alameda marca temperaturas maís propias do País dos nenos saharauis que acollemos, a ver como hai que baixar do trasteiro o chubasqueiro de forro polar para sair ás verbenas de Santa Eulalia ou de San Benito. E falando dos nenos saharauis e ucraínos que nos visitan cada verán acollidos por familias que están dispostas a demostrar que aínda queda espíritu solidario neste mundo absurdo no que estamos; ¿imaxinan como sería unha mesa redonda onde estes cativos puideran explicarnos como ven eles isto da crise, da burbulla inmobiliaria e mesmo dos efectos nocivos dos raios ultravioleta?


Te puede interesar