Opinión

A sombra de Sol

Aproveitei unha viaxe relámpago a Madrid para comprobar in situ como estaba ese macro campamento urbano instalado no quilómetro cero das Españas; e quixera ser obxectivo para reflectir o visto, sen ánimo de incomodar a ninguén nin sequera de contradecirme co publicado por min en diferentes ocasións sobre a necesidade de que a xente nova e non tan nova empece a concienciarse de que isto por onde imos non nos leva a ningún bó porto. É máis, estou convencido de que o vivido ata o de agora non é nada comparado coa incertidume do que nos queda por vivir; porque sen ánimo de facer tremendismo ¿alguén escoitou nos últimos meses a algunha persoa con peso na política ou na economía dicirnos como demo imos sair deste cárcere de ladrillo no que nos fomos pechando alegremente nas últimas décadas?

Pois ben, imaxino que esta incerteza e este macrodespiste tamén lle afecta ó grupo de acampados da Porta do Sol, entre os que estiven deambulando un par de días desta mesma semana, especialmente nese momento álxido das nove da noite cando as cámaras dos informativos non dan abasto e nesoutro momento da mañanciña que reflicte realmente a realidade da situación. E a realidade é que a esas horas, á parte dos primeiros turistas madrugadores que armados de cámaras gravan todo canto se menea, pouco ou nada hai que ver salvo unhas ducias, sí, unhas ducias, de xóvenes durmindo e algúns tomando o primeiro café do día en pequenos corrillos de charla, debate, pintura ou poesía. Non dubido de que a intención sexa magnífica, con persoas moi interesantes e con ganas de cambiar o mundo, e ogallá que non nos falten nunca, pero se queren que lles diga a verdade penso que quen realmente está mantendo este campamento son as cámaras de televisión, por moito que algúns acampados se encabriten con elas. É verdade que a Porta do Sol está empapelada de carteis e pancartas con boas intencións, tamén as hai de claras connotacións políticas, non nos engañemos; é verdade que existen debates e asembleas sobre temas de todo tipo, mesmo puiden asistir noutra praza próxima a un sosegado coloquio, megáfono en man, que me recordou cando con 18 anos presentabamos a Mocedade Galega Revolucionaria na Benposta do Padre Silva; asegúrovos que os discursos eran moi parecidos, e xa choveu desde aquela. Pero tamén pudien comprobar o gran enfado dos comerciantes da zona de Sol, Preciados, Montera e demáis aledaños da estatua do oso e o madroño, xa que ó parecer, e sí que o parece, as perdas de ventas estanlle sendo considerables, aínda que os acampados teñan bó coidado de que non lles emporcallen as fachadas dos seus negocios, puidendo comprobar e mesmo fotografar como un grupo deles se afanaban por limpar con esmero unha pintada feita a noite anterior na persiana dun local comercial, dando exemplo de auténtico civismo cidadán. Pero, ¿porqué será que a indumentaria dos rapaces e rapazas que por alí viven e durmen estes dias é cada día máis uniforme?, ¿porqué será que a min me recordan moitísimo ós que noutrora intentaron tomar como fortín inexpugnable o precioso barrio barcelonés de Gracia tratando de convertilo nunha especie de comuna idílica da paz, do amor e da non vilolencia, ocupando propiedades con dono pero sen uso?

Non sei se esto é bó ou malo para este movemento que a sociedade española, e mesmo a internacional, víu con simpatía nos primeiros momentos da acción reivindicativa; seguramente naide ten nada en contra dos tamboriles e as flautas, porque onde hai música hai alegría, pero non sei se esa estética é a que máis lle convén o movemento neste intre, por moito que desde pancartas e megáfonos se recorde nas horas de maior afluencia que aquelo non é un macrobotellón, aínda que as latas de cervexas se vendan baixo man.

Seguramente moita xente nova estaría encantada de participar destes actos pero non esquezamos que estamos en tempo de exames, e seguramente estarían máis interesados en participar en concentracións puntuáis; pero puidera darse o caso, non o sei, de que mentres tanto outros estén ocupando o seu lugar e non precisamente reivindicando o mesmo que eles reivindicarían. Nos 'ruxe-ruxe' da xente que pasaba por Sol puiden comprobar que non lle vían demasiado futuro a esta acción e sobre todo que botaban en falta ós que deberían ser os auténticos protagonistas, eses que non tocan a guitarra nin bailan en corro mentres se fuma a pipa da paz, pero que ven como a súa preparación e os seus títulos e masters non lles van servir para nada.

Te puede interesar