Opinión

'REGALO DE MEMORIA'

No interior do libro 'Regalo de Memoria' aparece o meu querido amigo Ghaleb Jaber coa expresión máis serea que eu lle recorde nos anos transcorridos desde que me abrira as portas da súa productora televisiva e as da súa familia. Seguramente é a mesma serenidade coa que lle falaba á súa irmá Karime prostrada polo Alzheimer na cama dun hospital xordano e para quen Ghaleb rescatou moitas das historias vividas, conxuntamente ou por separado, desde os tempos da infancia humilde na terra de Einabús ata os actuáis en Compostela onde aquel inquedo neno palestino, co ceo estrelado por todo tesouro, se foi convertendo en médico e empresario.


Descubro a través da escritora ourensá Noe Martínez algúns currunchos ata agora descoñecidos de quen segue sendo unha das persoas máis importantes da miña vida profesional, ese 'Mouro' sen turbante con quen tantos e bós momentos teño compartido. Lendo as páxinas deste libro redescubro moitos aspectos desa filosofía árabe da vida que definen ás persoas por riba de calquera outra consideración, conceptos como a 'lealdade', da que nos gusta presumir e que nos permitíu a Ghaleb e a min facer medrar en cantidade e calidade a nosa amistade por moitas distancias físicas ou inxerencias externas que se deran nos últimos vinte anos. Esa lealdade que impregna as nosas conversas sobre temas familiares nas que as respectivas Mamá Najieh e Mamá Rosa ocupan lugar preferente; as dúas compartindo a milleiros de quilómetros de distancia a loita polos seus e a entrega incodicional a quen vai quedando sen o máis preciado que alguén pode ter, a memoria; esa que Ghaleb tratou de regalar á súa querida irmá Karime, a quen está dedicado o libro; e esa memoria que moitos de nós tamén tratamos de regalarlle nas nosas casas a quen a vai perdendo pouco a pouco.


É curioso como non hai tanta diferencia entre culturas cando un tivo a sorte de ter pais e avós cheos da sabedoría popular que dan o traballo, a honradez e a loita diaria por sacar adiante unha familia. Ghaleb recrea en voz alta para a súa irmá e para nós as historias que o avó Ibrahim lles contaba ós seus netos na terraza da casa de Einabús nas noites de abafante calor; seguramente moitas delas ben parecidas ás que moitos de nós tivemos a sorte de escoitar ó lado dunha lareira ou dunha cociña de ferro en noites de xeada, porque uns e outros tivemos a fortuna de ir medrando e adquirindo moitos dos primeiros coñecementos a través deso que agora se da en chamar a tradición oral, e que para nós eran as aventuras máis marabillosas e pedagóxicas que ningún libro puido xamáis igualar. E seguramente por ter sido alumnos aplicados na captación da maneira en como nos era transmitida toda aquela información, hoxe podemos, o mesmo que puido Ghaleb no hospital de Zarka ó carón da súa irmá Karime, contarlle ó noso pai aquelas películas que fomos ver xuntos ó cine de Allariz, recordarlle nomes de persoas e lugares xa moi borrosos ou esquencidos na súa memoria, e repetirlle unha e mil veces a mesma cousa para que se lle volva quedar gravada como eles repetiron con paciencia as respostas a todo o que nós preguntabamos naqueles momentos da noitiña en que a agulla e o martelo descansaban ata o día seguinte.


'Regalo de Memoria' non é un libro máis sobre o Alzheimer, é a historia duns nenos e dun pobo con memoria, do amor incondicional e da loita pola vida e pola dignidade, é a historia da cultura do esforzo e da superación persoal. É unha real e marabillosa historia.

Te puede interesar