Opinión

Rancios e chonis

Dí unha amiga miña que este País xa non ten remedio, que daquela clase media máis ou menos moderna onde medraban novos cachorros con máis ou menos ganas de cambiar o mundo, pasouse nos últimos tempos, non tanto por efecto da crise como doutros factores axenos a ela, á máis pura e dura segregación entre rancios e chonis. Por un lado, dí ela, están aqueles que gracias ó seu traballo, ou á súa especulación, a súa herdanza ou sabe deus a que, pasaron a converterse en clones recuperadores do zapatito castellano de borlitas, eles, e das botas de montar con pantalón por dentro, elas, con nenes e nenas uniformados igual que papá e mamá con chaquetita verde alcolchada, tipo señorito andaluz, e lacitos por doquier. E por outro lado están, dí ela, todas as adoratrices da Esteban de turno que fan do seu día a día unha permanente discusión sobre asaltos de cama, cornos e puteríos varios, enfundadas en lycras, lacas e tops, mentres os seus partenaires manteñen teses de doutoramento sobre os importantes avances científicos dun tal Mourinho.

Os primeiros fan, como había décadas que non se facía neste País, unha clara ostentación do seu poderío económico en tempos nos que nada debería ostentarse para non cabrear máis da conta ó veciño do lado que pasa as horas do día botando currículums e xurando en arameo diante do Telediario. Pero a ostentación é de tal calibre e ranciedade que as marcas presiden desde os calzoncillos ata os ferriños da ortodoncia, onde por poñer ata porían o prezo do artiluxio en cuestión. Nas pasarelas das terrazas céntricas volven desfilar prendas que un xa imaxinaba relegadas ó fondo perdido dos armarios, como aqueles “loden” verdes que xunto con quilos de gomina marcaron época dándolle un cheiro especial. E que dicir do achoniamento das noutrora camadas populares; pois que os chándales dos mercadiños portugueses foron desprazados pola moda prêt-a-porter nocturna marcada por todo canto desocupado con máis ou menos músculo ou silicona aparece neses programas televisivos onde o máis suave que se escoita é mentarlle o oficio máis vello do mundo á nai de calquera concursante.

E aí estamos, cunha pequena parte do País pendente dos altibaixos dos 'parquets' mundiáis e das fluctuacións dos 'mercados' para ver se teñen que coller carreiriña cara a blindada Suiza como algúns desportistas patrios, e a outra gran parte pendente da voda da duquesa de Alba, do pichichi de Ronaldo e de se os nenos de “la roja” se quieren o se hacen morritos por culpa deses “clásicos” do século que paralizan rúas e arruinan restaurantes, cines e teatros. E mentres tanto, sindicatos, partidos políticos e organizacións cidadáns intentando convencer ó mundo da necesidade ou non da consulta democrática en temas de Estado; como se fose máis importante iso que saber como está o tema da herdanza do fillo de Tita Cervera ou de se Alberto de Mónaco e a súa nadadora dormen en camas xuntas ou separadas.

Dime a miña amiga que no único que coinciden estas dúas Españas é en estar criando os nenos e os adolescentes máis maleducados do mundo; pero non lle fagan moito caso porque é unha desas mulleres que chegaron deses países do segundo ou terceiro mundo onde ata os pobres de necesidade se dan os bós dias, repectan ós pais e profesores, dan as gracias por todo, e os xóvenes en vez de eructar e poñer os pés nos asentos dos autobuses levántanse cando sobe algunha persoa maior. Por iso que non lle fagan moito caso a esta amiga miña, eu penso que nos ten envexa.

Te puede interesar