Opinión

RADIOCASSETTES

Teño xusto diante de onde escribo un vello reproductor de VHS e unhas cantas pelis nese formato que polo cariño que lles teño xa forman parte da decoración do estudio. 'Casablanca', 'Rebelde sin causa' ou 'Billy Elliot' sempre quedan ben en calquera lugar; o mesmo que no salón reservo unha boa parte da estantería para os LPs dos que non penso desfarcerme nunca; desde 'Golpes Bajos' ata 'Los Suaves', pasando por 'Radio Futura', 'Elton John' ou unha boa colección de xoias eurovisivas. E xusto destas últimas son das poucas cousas que tamén conservo en formato 'cassette', ese irmán pequeno e proletario dos soportes de reproducción musical que ven de cumprir cincuenta anos.


O mesmo que na casa familiar se conservan con mimo a primeira radio e o primeiro televisor da miña nenez, como elementos non tanto decorativos como de memoria histórica, eu conservo tamén o primeiro reproductor radiocassette que me chegara desde as Canarias, porque sei ben o esforzo económico que supuxeron no seu momento calquera dos aparatos. Se co flamante 'Philips' en branco e negro puiden ver como Massiel gañaba Eurovisión, co radiocassette xa podía reproducir aquelas cintras gravadas 'á carta' en 'Discos Galaxia' en tempos nos que a SGAE aínda non lle collera gusto á gadaña recadadora.


Escoitáballe dicir estes dias a un dos compoñentes de 'Camela' que llo deben todo ós cassettes vendidos nos mercadillos e gasolineiras; e a mesma Ana Kiro contou moitas veces como a súa discográfica tivera que crear o 'Cassette de Ouro' para facerlle xustiza ás cifras de ventas. Non había camioneiro, taxista ou emigrante que non tivese unha daquelas cintas que reproducían unha e mil veces o 'Ven queridiño ven que che quero dar todo o meu cariño', que co título de 'Galicia Terra Meiga' bateu tódolos records habidos e por haber nas dedicatorias das emisoras de radio galegas.


Sería a F.M. de Radio Popular en Vigo quen dignificaría esas cintas que agora apenas se ven nas feiras de Portugal; lembro nos meus dous últimos anos de universitario en Santiago como disfrutaba pola noite co programa 'Musical Cassette', onde se escoitaba o mellor pop- rock de fináis dos setenta sen que o locutor falase máis que ó comezo e á media hora para darnos tempo a darlle volta á cinta de gravación. Ese era o obxectivo do programa, que os oíntes puidésemos facernos gratuitamente coas mellores melodías, no que ben podería ser considerado coma o primeiro delicto de descargas ilegáis da historia da música.


E así enchiamos as nosas estanteirías estudiantís coas cassettes repletas de éxitos da talla de 'Polvo en el viento' de Kansas, 'Angie' dos Rolling Stones, ou mesmo as máis antigas 'Con su blanca palidez' de Procol Harum ou 'Noches de blanco satén' dos Moody Blues. Aínda que eu á que lle gardo máis cariño é o 'Helpless' de Crosby, Still, Nash & Young por ser a primeira canción que intentei chapurrear en inglés 'turco chipriota' cando cantaba na orquesta. Unha pena que daquelas non existise o 'You Tube' porque aínda podiamos rirnos un cacho. De esa canción e dese grupo aínda conservo tamén o bendito cassette comprado seguramente cos cartos ganados nas ceas baile do Hotel San Martín.


En cada mudanza deixo quedar polo camiño moitas cousas para non caer na síndrome de Dióxenes, e asegúrolles que me mudei unhas cantas veces, pero hai cousas que sempre seguirán ó meu carón como algunhas desas cassettes que comigo cumpren, non cincuenta lóxicamente, pero sí uns cantos aniños xa.

Te puede interesar