Opinión

A ponte do Belén

Xa non podo poñer a árbore porque o ano pasado foi directamente ó lixo; non se incomoden, era de plástico. E que realmente ocupaba moito espazo e aínda que fose unha boa imitación nunca chegou a igualar a aquelas polas de piñeiro que traía o meu pai e que nós adornabamos con aquelas bolas que sempre escachaban, cunhas cintas de cores imposibles e mesmo coas pelotas gorila de xogar ó frontón recubertas co papel de prata que traían as barras de chocolate. Aínda conservo unhas campaíñas que deben ter case tanta idade coma min; ou sexa que xa fixeron a mili e xa escoitaron unhas cantas veces esa tonadilla tan absurda do 'pero mira como beben los peces en el río'; pero neste acueducto festivo, que Froilan Merkel se encargará de que non se volva repetir, eu aínda non fun quen de poñelas enriba do Portal de Belén; porque ¿saben?, para iso hai que estar motivados e por non motivarme este ano non me motiva nin o anuncio do cava catalán, que neste Nadal, la pela es la pela, respira curiosamente españolidade polos catro costados. E por non ir, nin fun aínda ós madriles a mercar unha nova figuriña de artesanía que engadirlle ás que levo coleccionando ó longo dos último vinte anos; pero sei que antes do 24 un repentino ataque de melancolía fará que colla carreiriña cara a Meseta e volva cun ferreiro imprescindible en todo Belén galego que se prece. Alguén dirá que sae ben cara a dichosa figuriña, podendo ser mercada en calquera tenda de por aquí, pero cada un ten as súa manías e as súas debilidades; para uns consisten en viaxar nesta ponte para torrarse nas Canarias, para outros asistir ó eterno partido do século entre mercenarios blaugranas e merengues, e outros enchemos dous tanques de gasoil para ver as colas loteiras de 'doña manolita' e a mezcolanza de tradición e desmadre hortera confluíntes no quilómetro cero das Españas. Iso sí, tendo bó coidado na viaxe de volta entre Tordesillas e Rueda por se volven estar agochados os amigos 'fotógrafos' que me retrataron a 138,5 km/h hai á penas tres semanas; e confésolles que estes retratadores son o orgullo da Benemérita, porque non hai detector de radares que se lles resista; cando o aparatiño que lle instalaches legalmente ó teu coche te avisa da súa presenza xa eles te incorporaron ó album de honra da DGT, e se vas cantando pode sairche na foto ata o último empaste realizado. Estiven a piques de pedirlle ós meus amigos de Cornellá o típico 'caganet' catalán con cara de garda civil para incluílo no nacemento, pero non o fixen polos bós amigos que teño no benemérito corpo, aínda que merecer ben o merecían, porque á unha e media da tarde dun domingo ben podían estar xantando coa súa familia en vez de amolar a todo canto galego volve contento da Capital.

En fin, o Belén está sen facer pero no meu iPhone xa carguei as mesmas cancións de tódolos anos para infundirme espíritu navideño mentres gasto rodas entre Portugal, Vigo, Ourense e Santiago. Volvo atoparme cos Nenos Cantores de Viena, con Xoan Rubia, e por suposto con Raphael; volvo desempoar o 'Adeste Fideles' e o 'Pequeno Tamborilero' que me emocionan e compensan un chisco a tristura das escasas luces que este ano se encenden con menos tempo e menos folgos que as calefaccións en Portugal, onde o 'Pai Natal' por non traer este ano nin lles trae a paga extraordinaria. Agardo que postos a sacrificar, sacrifiquemos o marisco ou o champán, pero que nunca falte un bendito xoguete, por pequeno que sexa, para os nenos da casa.

Te puede interesar