Opinión

Patrimonio e privacidade

Non teño ningún interese en saber se o meu ministro, o meu conselleiro ou o meu alcalde teñen un chalet en Sotogrande ou un veleiro en Sanxenxo . Non me interesa coñecer a súa conta corrente nin as propiedades que ten herdado dos seus ancestros. Podo vivir sen saber en que emprega o seu tempo libre, onde merca a súa roupa ou que viaxes de pracer realiza privadamente no pequeno ou gran coche familiar mercado co seu salario. Tampouco me preocupan as súas hipotecas, as ortodoncias dos seus fillos ou os traxes e vestidos que locen as súa parellas en vodas, bautizos e primeiras comuñóns. E moito menos me interesan os seus segredos de alcoba ou as súas aventuras e desventuras sentimentáis. Porque non nos engañemos queridos meus, aquí estamos confundindo a transparencia nos cargos públicos cun 'Gran Hermano' global onde todo vale para enterarnos da vida privada das súas señorías e poder sacar toda a artillería demagóxica á hora de descalificar a un colectivo que seguramente non ten nin máis nin menos xente honrada ou indecente có resto dos colectivos sociáis e profesionáis. E para iso debe estar, hoxe e sempre, a xustiza independente que castigue a quen mete a man no caixón equivocado, o mesmo que debería castigar ós que, despotricando sen misericordia contra todo e contra todos, dedican parte da súa vida a defraudar ó fisco, sacando diñeiro polos Pirineos, esquecendo ives e facturas ou declarando salarios que non lle chegarían nin para cambiar de 'calvinscleins'.

Aínda que todos coincidamos en que hai que reordenar un pouco as cousas á hora de equilibrar soldos, pagas, retiros e indemnizacións entre os políticos e o resto dos mortáis, tamén deberiamos coincidir en que flaco favor nos estamos facendo se nos deixamos contaxiar por sabe Deus que intereses ocultos que están tratando de dinamitar o sistema democrático poñendo a diario na picota ós nosos representantes. É terriblemente preocupante que nas enquisas máis serias saia a clase política coma un dos problemas que máis amolan á poboación, por riba do terrorismo ou dos temas sociáis. Algo urxente hai que facer para que isto non suceda e se recupere a credibilidade nas institucións públicas e en quenes as dirixen; porque xa bastante problema é que cada día nos decatemos de que os malditos 'mercados' pasan polo arco do triunfo as decisións dos governos democráticamente elexidos como para alimentar a esa fera dándolle máis argumentos a súa voracidade descontrolada e golpista.

Sexamos sensatos, os governantes e os governados, e busquemos a maneira de volver crer en proxectos comúns, respectando democráticamente o que saia das urnas e esixíndolle ós elexidos que deixen a vida no empeño de sacar adiante ó pobo que representan, e se non están convencidos de ter solucións para elo, mellor que queden na casa e nos seus traballos de sempre. Pero non nos engañemos nin lle fagamos o xogo a quenes utilizan o soldo dos políticos como elemento desestabilizador. Non sei vostedes, pero eu desexo que me governen os mellores, quero que o meu ministro ou conselleiro de traballo, economía, sanidade, educación ou malabarismo sexa o mellor; veña de soldar barcos ou veña de presidir o consello de administración dunha multinacional; teña palacios ou viva nun piso de protección oficial, viaxe en 'haiga' ou pilote un 'panda'. Repito, non quero saber a súa vida privada, quero soamente que cando governe deixe a pel no empeño; e así, por moito que cobre, sempre nos sairá moi barato.

Te puede interesar