Opinión

ODAIKO NAS ESCOLAS

Hoxe venres estarán en 'Luar' acompañando a unha intérprete noviña saída das aulas de Juan Collazo, un dos compoñentes de 'Odaiko', ese magnífico grupo no que a mestizaxe de músicos e instrumentos fai dos seus concertos toda unha sorpresa para os sentidos. Tiven a sorte de que quixeran colaborar comigo na última 'Gala do Día de Galicia' da TVG, tocando en directo no escenario do Pazo de Congresos de Santiago a percusión de 'Menina do Alto da Serra', unha canción que Portugal mandara a Eurovisión no ano 71 interpretada por Tonicha. Foi todo un auténtico luxo contar con eles e coas ganas que lle botaron sen coñecernos previamente en persoa. Desde esas son un incondicional do seu traballo, non soamente por agradecemento senón pola calidade e innovación do mesmo. Pola parte pedagóxica que me toca admiro o poder de conexión que teñen cos máis pequenos cando levan o seu espectáculo 'Odaiko nas Aulas' por toda a xeografía galega, unha divertida escenificación en directo onde a música, o humor e a creatividade fan que os nenos non perdan ripio do que sucede no escenario e mesmo no patio de butacas, xa que eles convértense en auténticos protagonistas da historia; unha historia que na súa voz en off conta coa colaboración do actor ourensán Serxio Pazos.


Despois de máis de 300 concertos e de percorrer catro continentes, desde a súa fundación en terras holandesas no 2003, queren prestar atención ós espectadores do futuro, os nenos, sementando amor pola música e pola mestizaxe do noso con todo o bó que hai polo mundo. Así conviven armoniosamente os instrumentos galegos con, por exemplo, a danza e os tambores africanos e brasileños. Tanto é así que o grupo tomou o nome dunha variante moi voluminosa do tambor tradicional xaponés; desde esas terras trouxeron uns cantos destes tambores, que ás veces precisan de tres persoas para seren tocados, e conformaron o miolo da formación e dos seus espectáculos, nos que a posta en escea, con coreografías, proxeccións audiovisuáis e unha boa dose de humor e teatro son garantía de éxito, facendo un percorrido nun mesmo concerto polas músicas de orixe oriental, africano, o mundo clásico ou o do jazz e flamenco, e todo elo cun ritmo trepidante e con Galicia de fondo dándolle sentido a todo.


Imaxino que esa xira na que xa levan un tempo pisando os pequenos escenarios dos centros de ensino virá tamén motivada polo seu oficio de profesores de conservatorio, sabendo como saben que nada hai mellor que predicar co exemplo para captar novos adeptos, e que cando ganas ós máis pequenos para a causa xa hai un gran treito percorrido no fomento e consolidación da música e das artes. Escolleron o camiño correcto ó apostar polo humor e a sorpresa para tal fin, e lémbrame a aquel 'Conciertazo' que o gran Fernando Argenta presentaba en La 2 de TVE os sábados polas mañás e que tanto fixo pola introducción da música clásica entre os escolares, recibindo por elo infinidade de premios.


Eu non sei se os amigos de Odaiko Perkussion Group teñen levado moitos ou poucos premios; pero o certo é que acoden ós mellores festiváis a nivel mundial onde son recoñecidos como grandes artistas e grandes músicos, desde Alemaña ata Filipinas pasando por Ourense, Vigo ou Nova Iork, e asegúrovos que sentir a súa presenza no escenario, cando están tocando á tua beira para tí, é unha desas experiencias que non se esquecen fácilmente. Ogallá que sexan moitas as escolas galegas que poidan disfrutar do seu pedagóxico espectáculo.


Te puede interesar