Opinión

Desde as nubes

Xa sabedes que un servidor e iso de voar non se levan demasiado ben, de aí o gran valor destas liñas escritas a milleiros de pés de altura, sobrevoando Holanda de volta dunhas curtas vacacións por Dinamarca e Suecia. Como queira que o libro “El último vuelo del flamenco' do mozambiqueño Mia Couto non acaba de engancharme demasiado, collo o ordenador e paso a contarvos algunhas sensacións neste supositorio metálico que me leva de volta cara a casa. Dicirvos que Iberia segue tan cutre como calquera liña 'low cost' aínda que se trate dun voo internacional; aquí pagas por un triste bocata de xamón, unha cervexa e unhas aceitunas o prezo duns camaróns da ría. Por sorte conseguín reservar con tempo asento na saída de emerxencia, non para botarme ó primeiro pola rampa en caso de accidente, que iso non entra dentro dos meus cáculos polo momento, senón por aquelo de poder estirar un pouco máis as pernas, mentres o comandante anuncia polo altavoz unhas lixeiras turbulencias cando sobrevoemos Francia, e a nena que levo ó lado participa tranquilamente ilusionada nun concurso de pintura a bordo que a compañía organiza cada verán para os viaxeiros máis cativos, sen darlles nin sequera un refresco gratuito como premio ó seu afanoso traballo.

Mentres observo como o tempo mellora en canto cruzamos os Pirineos, lembro con cariño a miña visita de onte á eurovisiva cidade sueca de Malmö, onde Serafín Zubiri conseguíra o feito histórico de que un invidente participase no Eurosong Contest alá polo ano 92. Nesa cidade dinme a gran pateada para fotografarme co 'Turning Torso', un dos edificios máis emblemáticos de Santiago Calatrava, mentres divisaba ó lonxe a ponte de Oresund que une Dinamarca e Suecia pola que acababa de cruzar as augas daquel mar Báltico estudiado nos mapas escolares de Allariz.

De Escandinavia, qué dicirvos, rúas ateigadas de altísimas parellas xóvenes con nenos en bicicleta, indicando ás claras un nivel de vida pouco parecido ó que últimamente temos por eiquí abaixo. Copenhague linda pero carísima para o españolito medio, e disposta a que a disfrutes coa tranquilidade das súas preciosas rúas, monumentos e canáis, con foto de Sirenita incluída para ensinarlla á familia e ós amigos. Por unha inoportuna lumbalxia, nesta ocasión non puiden facer o máis apetecible nestes Países civilizados, que é percorrelos en bicicleta disfrutando de cada recuncho, pero aínda así paga a pena pegarse a paliza da viaxe para comprobar como aínda que chova, neve ou faga sol, a bicicleta é imprescindible no día a día dos nórdicos polas súas estradas, mesmo incorporando ese carromato bautizado co nome de “bicicleta christiania” onde cabe toda a familia e os máis pequechos disfrutan do lindo, un artiluxio nacido nese barrio danés seudoindependente onde desde os anos setenta gozan dunha maneira moi peculiar de vivir e relacionarse, mantendo despois dos anos un certo espíritu hippie e autoxestionario.

O comandante do avión faime baixar das nubes e dos recordos ó comunicarnos que estamos descendendo cara Madrid, onde a temperatura é de 36 graos; non está mal para os que vimos en plena ponte do quince de agosto de usar chubasqueiro e paraugas; pero está claro que cando un viaxa ó norte de Europa non é xustamente como para torrarse ó sol, algo bastante parecido ó que está acontecendo neste verán chuchurrío da Galicia costeira; onde según o comandante do voo que me enlaza con Vigo, a temperatura é de 19 graos, os mesmiños que deixei en Copenhague.

Te puede interesar