Opinión

OS NOVOS GLADIADORES

Xa lles contei noutra ocasión a convicción do ciclista Oscar Pereiro con respecto á inocencia de Alberto Contador, poñendo sen dubidalo a man no lume polo corredor de Pinto; e así o volveu manifestar en canto o Tribunal de Arbitraxe Deportiva fixo pública a súa sentenza condenatoria, ó igual que o manifestaron moitos outros deportistas como Rafa Nadal ou Pau Gasol, mentres algúns medios de comunicación, franceses pricipalmente, facían leña da árbore caída, exhalando a bile da impotencia acumulada durante os anos que o Roland Garros e o Tour falaron español, e nalgunha ocasión mesmo galego.


Ben, eu confésolles que non son moi devoto do ciclista en cuestión, ás veces as filias ou as fobias danse por detalles tan nimios como que alguén dispare cando chega á meta ou se poña a bailar o 'Así eu te pego' cada vez que marca un gol; pero á marxe de gustos personáis nesto do deporte, eu creo na inocencia deste rapaz, e sobre todo creo no inmenso esforzo realizado en tódalas carreiras nas que leva competido, un esforzo tan sobrehumano que moitas veces ata nos cuestionamos se estamos diante de superhomes ou máquinas perfectas. E aquí está unha vez máis o quid da cuestión; os afeccionados, cal vociferantes espectadores do circo romano, demandamos cada día máis suor e sangue, esiximos que en cada cita olímpica se batan novos records cando xa os anteriores son absolutamente desorbitados, vitoreamos ós tenistas que xogan en condicións físicas lastimosas, aplaudimos ó boxeador que segue na lona coa cella á virulé ou á atleta maratoniana que dez metros antes da meta váise ó chan completamente noqueada, enchemos de bandeiras e arengas os angostos calvarios do Anglirú e do Tourmalet para pedirlle o imposible a uns desencaixados corredores ós que lles agardan ó día seguinte outros douscentos quilómetros de asfalto e pedal; queremos xa algo máis ca un triple mortal con dobre tirabuzón, sexa na piscina, na pista de xeo ou no tatami ximnástico. Poucos se pregunta ata onde se está chegando con tanta tecnificación e alto rendemento e con tanta necesidade de acumular medallas; non interesa saber que alimentación ou que presión psicolóxica están tendo moitos cativos ós que se lles esixe ser o buque insignia de millóns de compatriotas cos seus saltos, as súas piruetas ou as súas contorsións. Botamos a man á cabeza cando se desvelan algúns dos métodos de auténtica tortura polos que pasaron non poucos laureados nenos deportistas chineses ou da RDA, sen querer saber o que acontecía por estes lares. É a mesma hipocrisía que se da no mundo da moda, que tando dí loitar contra a anorexia mentres nas súas pasarelas seguen desfilando auténticos esqueletes andantes; é tamén a hipocrisía de tanta demanda de apoio ó deporte de base mentres enarboramos as cores dos equipos galácticos con bandeiras e escudos que moitos dos seus xogadores bican co mesmo ímpetu e sentimento co que se acciona unha caixa rexitradora.


E nesas estamos, manexando cifras astronómicas coas que non poucos oportunistas, sen demasiados escrúpulos e seguramente ós que o deporte lles importa bastante pouco, fan as américas a golpe de 'sillón ball' e teléfono. E pouco importa se os gladiadores do circo morren prematuramente, sempre haberá quen veña a ocupar a súa efímera gloria converténdose nos novos superheroes a quen coroar nos olimpos da era moderna, e a quen os máis pequenos tratarán de emular aínda que soamente sexa calzando as súas zapatillas ou lucindo as súas camisetas.


Te puede interesar