Opinión

NOTICIAS CON RETRASO

Esta maldita distancia de cen quilómetros convértese ás veces nunha barreira infranqueable impedindo que me cheguen a tempo as noticias verdadeiramente importantes. E aínda que recibo puntualmente o noso periódico á primeira hora da mañá hai acontecementos que non poden agardar vintecatro horas pola súa transcendencia, como así sucedeu co pasamento de José Manuel Rodríguez Rodicio 'Chisco', pai de Mario, alcalde de Esgos, e do xerente do INORDE, meu querido amigo José Manuel, a quenes desde aquí lle envío o meu máis sentido pésame.


Non é a primeira vez que os meus familiares e amigos de Ourense se esquecen de informarme destes acontecementos e sinto unha vez máis esa sensación de desarraigo que últimamente me está pesando demasiado; porque aínda que levo catorce anos asentado en Vigo, como o están moitísimos outros ourensáns, prácticamente todo aquelo que eu quero de veras segue en Ourense, cidade da que nunca me iría se cando comezou o 'Supermartes', alá polo ano 92, existira , xa non digo o AVE, senón unha bendita autopista que nos posibilitara a comunicación con Santiago sen xogarnos a vida nas xeadas curvas de Castro Dozón. Foron demasiados os amigos que quedaron naquela infernal carretera, incluído o profesor Siota, que no seu tramo desde Lalín cara Compostela seguen utilizando milleiros de conductores que non queren ou non poden pagar a abusiva peaxe que nunca debeu permitirse.


En canto remate de escribir estas reflexións collerei o coche, como fago moitos días, para achegarme ata á Avenida da Habana e, á parte de saudar ós meus amigos Llamas e Cachito, compartir con Moncho Conde Corbal e outras boas xentes na sede de 'elcercano.com' a presentación do proxecto cinematográfico escrito e dirixido por Simone Saibene e titulado '9olas', no que Moncho ten postas moitísimas ilusións por tratarse dun proxecto concebido á marxe das institucións e das grandes productoras e da man dun xoven italiano ó que xa consideramos moi galego desde que dera a luz aquel corto titulado 'Retorno a San Andrés' e oficiara de coordinador do xurado do Festival de Cine de Ourense. Chove a mares neste momento en Vigo e anuncian que para a tarde a cousa vaise poñer pior, pero a meteoroloxía non pode ser inconveniente para participar das ideas innovadoras xurdidas na nosa provincia; xa saben a miña teima de presumir de ourensanía onde queira que estea ou por onde queira que vaia, aínda que non puidera disfrutar dos actos onde se premiou hai un mes tal distinción.


E se hai algo realmente ourensán, ese é o Belén de Baltar, e o outro Baltar tamén, ó que igual o insigne escultor debería facerlle unha figuriña para poñer ó lado do afiador de Nogueira de Ramuín; e por iso quero rematar canto antes de escribir estas liñas para poder chegar á inauguración desta maxistral obra de arte que desde a capela de San Cosme e San Damián dá a saída oficial ó Nadal das Burgas, título dunha magnífica pintura de Maite Vazquez que eu mercara no 94 na primeira exposición organizada polo Comité Antisida de Ourense, e que preside desde aquelas un dos lugares entrañables do meu fogar.


Sinto de veras que todo isto coincida coa presentación na Galería Sargadelos do libro 'Lume de cobiza' de Miguel Anxo Fernández, a quen me gustaría saudar, porque a pesar de ser en tempos un auténtico látigo do meu personaxe televisivo de concurso, creo que desde que nos coñecimos nun curso audiovisual que el dirixía gardamos un absoluto respecto polo traballo de ambos.

Te puede interesar