Opinión

NON TODO VALE

Volvo sobre o tema que con tanto tino teño que falar por aquelo de non incomodar á 'canallesca'. Trátase do eterno debate sobre o lexítimo dereito que todo o mundo ten a opinar sobre o que lle pareza e a, para min, indiscutible obligación de identificarse cando se fai referencia a persoas ou institucións.


E por non perderme no inmenso mar da rede de redes, onde parece que todo vale e non hai quen lle dea colocado cancelas ó campo, circunscribireime á prensa dixital, xa que na de papel as cousas seguen facéndose de xeito adecuado, ofrecendo a calquera lector a posibilidade de manifestar a súa opinión ou respostar a tal ou cal articulista utilizando a páxina de 'Cartas ó Director' onde, previa identificación con nome, apelidos e DNI, pode expresar o que lle pete. Isto non ocorre na versión dixital da maioría dos periódicos onde o anonimato ou o pseudónimo están á orde do día; e por moito que algúns xornáis aseguren que non permiten difamacións ou faltas de respecto, pregúntome onde encadramos por exemplo o feito de que maís dun energúmeno a emprenda coa familia dun político, falseando datos ou sacando á luz pública a sacrosanta vida privada de fillas e esposas, sen que nada pase. E non temos que ir moi lonxe en tempo e distancia para comprobar o que estou dicindo.


Eu pensaba que estas cousas soamente se consentían en programas de canles privadas de televisión onde se roza a diario o límite constitucional, e que están dispostas a pagar cuantiosas multas sopesando o beneficio obtido coa audiencia que xera publicidade e que ó parecer disfruta con esa mercadoría mediática de vísceras e casquería. Pero nunca puiden pensar que a isto se sumasen cada día máis xornalistas de prestixio obrigados polos seus medios impresos a exercer de 'ristos'da pluma, perdendo toda credibilidade para en calquera outro momento opinar sobre temas de profundo calado.


Xa chega dabondo con ese incontrolable mundo das redes sociáis onde non poucos aproveitan o vacío legal para dar renda solta ós seus máis baixos, despiadados e covardes instintos, utilizando o consentido anonimato para facer dano difamando ou simplemente soltando medias verdades para que o bulo vaia aumentando e propagándose cal peste medieval.


Son tempos perigosos como para xogar con estes temas; nas épocas de profunda crise económica e de valores como a que estamos vivindo actualmente é cando xorden eses patéticos personaxes que amparados no máis rastreiro populismo van creando estados de opinión cos que agredir e crucificar sen piedade a quenes destacan en calquera faceta da vida. A mentira ou a difamación introducidas na rede, mesmo por eses apartados xornalísticos chamados 'comentarios', poden expandirse a tal velocidade que intentar paliar o seu letal efecto convértese en tarefa imposible. De aí que os xornáis serios non deban contribuir a darlle cancha a quenes cheos de envexa e odio desexan utilizalos como potente altavoz anónimo reconvertido en arma de destrucción masiva.


Neste País dá toda a impresión de que calquera persoa pode ser tratada xornalísticamente como se de 'Rociíto' se falase, quen por certo está dando unha maxistral lección de prudencia e saber estar trala morte de súa nai, por moito que ese velenoso 'xornalismo de investigación' lle intente poñer día sí e día tamén a alcachofa diante da boca. Este País está perdendo algo máis que a calidade de vida, está perdendo a cordura e algún día non chegarán todas as vasoiras do mundo para recoller tanta porcallada.

Te puede interesar