Opinión

Nin 902 nin 'made in Taichín)

Parece que cada día somos máis os que estamos contra a dictadura das empresas que seguen utilizando un 902 para o servizo de 'atención ó cliente'; un prefixo telefónico que como ben sabemos non é nada barato e no que normalmente eres atendido por unha media de tres persoas diferentes, con diferentes acentos e cantinelas. Hoxe mesmo chegáronme varios correos denunciando este feito que neste caso teñen como axente cabreante común a unha entidade bancaria que ata hai nada era como da casa.

Pode parecer unha nimiedade con todo o que está caendo, pero se o novo governo fora quen de meter en cintura a estas empresas que seguen coa política de chulear ós sufridos consumidores xa tería un bó treito ganado na árdua tarefa de ir calmando os ánimos dos seus representados, e mesmo contaría con certa simpatía entre os que profesan ideoloxías pouco afíns ás do partido da gaivota.

Eu de entrada estou no bando dos que pouco a pouco nos imos dando de baixa de toda canta empresa non dispoña dun número gratuito ou de tarifario telefónico local para atender ós seus usuarios, non aceptando nin sequera a posibilidade de acudir a unha dirección de correo electrónico, onde tardan en contestarche, cando che contestan, e na que moitas persoas, maiores e humildes sobre todo, atopan unha barreira infranqueable que os fai desistir do intento, tendo que pasar por caixa en canto teñen o máis mínimo problema que resolver; coa case total imposibilidade de poder darse de baixa porque para iso, como xa dixen noutras ocasións, faiche falta perder toda unha mañá e saber lidiar con auténticos miuras adestrados. Moitos pensarán que esta loita é tan absurda como tratar de ganarlle a batalla ós 'transformers' con escopetas de balíns; pero o mesmo que unha compañía telefónica ben coñecida tivo que cambiar o caro 902 polo gratuito 900 para atender ós seus clientes, podemos conseguir que o fagan todas as demáis; pero non soamente as empresas de comunicación, senón os grandes almacéns, as plataformas dixitáis ou a caixa de aforros que te fusiona cambiándoche o número de conta sen comunicarcho e provocando non poucos inconvintes e dúbidas para as que habilitan un maldito 902, cando o que tería que facer é pedirnos mil perdóns polas molestias, polos agravios e polas indemnizacións indecentes, e reforzar as liñas telefónicas normáis, de 988, 986 ou gratuitas con xente nova que estaría encantada de traballar unhas horas axudando ós demáis mentres ganan uns euros cos que pagar o turrón ou o cotillón de noitevella. E se continúan sen darse por enterados fagámoslle saber a nosa indignación dándonos de baixa e cambiando as nosas contas, as nosas domiciliacións e as nosas preferencias á hora de mercar; busquemos empresas, que as hai, onde non nos traten coma parvos, empresas que nos atendan nos nosos idiomas, e sei o que me digo, empresas que creen postos de traballo neste País tan necesitado delo; miremos as etiquetas da roupa, do calzado, dos xoguetes ou do que sexa, e pensemos se por tras dos productos que imos mercar non hai unha explotación de persoas que traballan en condicións infrahumanas a prezos de escravitude. E pode conseguirse, hai empresas, como a que fabrica unhas coñecidas botas de camiñar, por poñer un exemplo, que xa informan ós clientes da manufactura en territorio nacional, mentres outras seguen contribuíndo á explotación humana pasando de éticas non rentables e esquecendo a terra e as xentes que as axudaron a nacer e medrar.

Te puede interesar