Opinión

Con Murcia

Sobrecóllenme as imaxes do terremoto de Murcia por pertencer a lugares onde disfrutei traballando cando en Galicia lle botaron o pecho a aquel programa de gran audiencia chamado 'Supermartes'. E Murcia, á que sempre me refiro retranqueiramente coma o meu exilio profesional, acolleume estupendamente, pese a ese carácter tan distinto ó noso que nun primeiro intre pode dar imaxe de frialdade; pero iso disípase en canto te convidan ós riquísimos 'paparajotes', o postre xenuino da 'Huerta' polo que os murcianos senten devoción e co que podes picar de pardillo se comes a folla do limón que o envolve. Realmente os productos desa horta son a mellor carta de presentación dunha rexión que, coma outras moitas da España costeira, sacrificaron o verde de pementos e leitugas polo máis lucrativo marrón das innumerables urbanizacións para británicos xurdidas da noite para a mañá en torno a verdísimos e paradisíacos campos de golf creados en terras onde a auga é o ben máis prezado. Foi na miña estadía en Murcia onde aprendín a pechar a billa durante o afeitado, mentras escoitaba unha canción superventas do grupo 'Por Herencia', moi famoso nesa rexión, reclamandolle musicalmente 'Agua para todos' a unha España de Reinos de Taifas que fai da posesión dos ríos a súa guerra particular.

Tiven a oportunidade de estar en Lorca, Águilas, Cartagena ou Mazarrón presentando o 'Ven a Cantar', un programa que puxemos en marcha seguindo as pautas daquel 'Téquele' que tan ben funcionara por toda Galicia, dando oportunidade a que a xente anónima cantase na súa localidade e se dese a coñecer ó mundo a través da súa televisión autonómica, 'La 7 Región de Murcia', que tivo en Anxo Quintanilla o seu primeiro director, co cal queda para a historia desa canle que os seus inicios foron con aires moi galegos, cousa que nunca está mal.

Para min era coma un volver a empezar, sendo un perfecto descoñecido e presentando nun idioma no que poucas veces me tiña expresado desde un plató ou escenario; pero teño que confesar que desde o primeiro momento empatizamos os murcianos e este galego que vos escribe naquela primeira gravación na cidade balneraria de Archena, onde o termómetro marcaba 40 graos ás doce da noite cun índice de humidade que nos empapaba máis có rocío da ría de Vigo en plena noite de San Xoán. E onde, por certo, debutaba por primeira vez nunha televisión o bailarín Ginés Gil Cano, quen mañá acompañará a Lucía Pérez no escenario eurovisivo de Düsseldorf, xa dando mostras daquelas do seu bó facer e sobre todo das ganas de comerse o mundo á forza de traballo.

Tamén puiden comprobar en Murcia o lado máis amargo da inmigración, non polos numerosos latinos máis ou menos integrados na cidade, nin polos milleiros de magrebíes que fan que en localidades como Torrepacheco, onde me fun de concerto cos 'Estopa', teñas a sensación de estar na outra beira do Mediterráneo, senón polas ducias de subsaharianos recén chegados sabe Deus como, e que deambulaban cada tardiña polos xardíns da beira do río Segura buscando un recuncho para durmir baixo as estrelas; eu mirábaos estúpidamente compasivo desde o alto da miña bicicleta con ese sentimento de impotencia que che producen os feitos para os que non estás preparado, para os que non tés solución, ou mesmo para eses feitos dos que tratas de convencerte de que non van contigo por ser causas de forza maior. Ó final, todos temos mecanismos de escape da culpabilidade do mal alleo. Hoxe, desde Galicia, o meu cariño para Murcia.

Te puede interesar