Opinión

Levámosllo a casa

Tivo que ser a maldita crise a que devolvese este titular ós escaparates de grandes, medianas e pequenas áreas comerciáis. ¿Lembran vostedes cando hai á penas uns catro ou cinco anos parecía que regalaban os plasmas, os beemeuves e as plaiesteixons?, ¿lembran como non había maneira de que te atendesen medianamente ben en ningures tendo que soportar as caras de sarcasmo dos dependentes ou encargados de turno cando lles preguntabas se a compra levaba incluído o transporte, a instalación e a conseguinte posta en marcha?. Claro, eran tempos nos que nas tendas de xoguetes a estas alturas xa estaban esgotadas as bonecas ás que lle viña a regla e os videoxogos que mataban iraquíes como quen sulfata escarabellos da pataca; tempos nos que en cada Nadal había que aumentarlle as polgadas ó televisor, a memoria ó ordenador e as aplicacións ós infernáis teléfonos móbiles ós que sempre lles salta un buzón de voz que ti non queres nin nunca contrataches.

E así nos foi, conseguimos destruir o encanto que significaba estrear calquera cousa, fora unha peza de roupa, unha lavadora ou un radiocassette chegado das Canarias; e cambiamos ese acto festivo e ilusionante de adquirir algo realmente necesario e apetecible por outro acto estresante no que por non darche nin che dan as gracias nin o envoltorio; como moito indícanche onde está o rolo de papel de regalo para que tí te pelexes co maldito tesafilm. Daquel amable Adolfito de Allariz que che explicaba con paciencia na túa propia casa o funcionamento do novo frigorífico pasouse ós indescifrables libros de instruccións en dez mil idiomas cos que te pelexas durante unha semana ata que desistes de programar o teu novo aparello agardando a que veña de visita algún amigo máis agudo ca ti. Chegouse a tal grao de prepotencia que nin en moitos concesionarios de coches che facían demasiado caso, desprezando sen miramentos o teu utilitario á hora de cambialo por un novo. Todo se vendía, todo se pedía con meses de antelación, para todo había financiamento e en todo había unha gran carga de soberbia. Foise pasando daqueles amables e abnegados tendeiros ou dependentes que eran quen de estar unha hora falándoche das virtudes dunha ola express ou dunha gabardina, a unha clase de dependentes asépticos, e en non poucos casos antipáticos, que mesmo che fan sentir que lle estás debendo un favor, como sucede nalgunhas modernas tendas de roupa de marca e en non poucos locáis de copas sabatinos onde por oito euros son incapaces de acompañar o chistonis dun mínimo sorriso.

Pero chegou a crise e con ela o peche de multitude de negocios, e os que quedan en pé comezan a decatarse de que na caza e captura dos poucos clientes hai que recuperar o trato humano doutrora, onde a compra dun producto convertíase nun acto social no que participaba boa parte da familia, e onde se lle daban todas as facilidades á hora do transporte e da instalación; onde non había sensación de perda de tempo cando se lle explicaba o funcionamento dunha maquinilla de afeitar o avó, da revolucionaria 'epileidi' á señora ou do cambio de marchas ó maís novo da familia ó que se lle ofrecía a posibilidade de probar o que sería o seu novo coche.

As cousas cambiaron últimamente con esta desaceleración intensiva do consumo, e o certo é que salvo nuns grandes almacéns que sempre pecaron do '¿puedo ayudarle?' intensivo e cansino, agradécese o cambio de actitud de moitos comerciantes que recuperaron as boas maneiras que nunca deberon ter perdido.

Te puede interesar