Opinión

FIN DE ANO SEN PORTUGUESES

Na páxina 'neurovisiva' do mércores o único que había de certo era a chamada do amigo Tomás que cada Nadal me recorda aquelas Noitevellas ligadas indefectiblemente ó Hotel San Martín. E nestes tempos que tanto se fala da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, lembro cando os salóns do emblemático hotel ourensán se enchían de felices clientes portugueses ós que había que darlle as badaladas de medianoite no horario do seu País; o mesmo que o noso grupo musical faría cos ourensáns e vigueses cando anos máis tarde era contratado para actuar en tal noite en hoteis de Braga e Póvoa de Varzim. Daquelas non había autovías, con ou sen peaxe, pero o intercambio turístico era moi importante nestas datas, cousa que dun tempo a esta parte estase vendo reducido considerablemente, e se non que llo pregunten á hostelería e ó comercio vigueses, que redondeaban a semana, o mes, e mesmo o ano, coa nutrida visita dos veciños portugueses.


Non sei se pola banda galega se estará facendo todo o que se debera para recuperar parte dese turismo de proximidade, asumindo que hai outra parte irrecuperable a curto prazo debido á terrible crise que mesmo lle privou da paga extrarodinaria de Nadal; pero o que sí é certo é que os poderes de Lisboa seguen dando mostras de querer ben pouco ó norte do País, dando a impresión de que cada día inventan un novo atranco para que ese intercambio, tan necesario e polo que moitas institucións e empresas dun lado e doutro da fronteira levan loitando durante décadas, se vaia definitivamente ó garete.


Non son eu un experto en temas económicos pero ó dicir de amigos que sí o son, da recuperación e potenciamento da Eurorrexión depende en boa medida á saida da crise desa poboación de máis de seis millóns de habitantes comprendida entre os ríos Eo e Douro, un número de habitantes que supera ó de países como Dinamarca ou Noruega; salientando que aínda que a poboación galega é das máis avellentadas de Europa, vese compensada coa do norte portugués onde a porcentaxe de mozos é das máis altas da Unión Europea; aínda que me da toda a impresión de que se as cousas seguen por este camiño esa masa potencial de novos traballadores, moitos deles moi ben preparados, pasarán a formar parte das nóminas de industrias punteiras do outro lado dos Pirineos.


As fronteiras físicas desapareceron hai xa bastante tempo, pero esoutra fronteira psicolóxica de desconfianza secular non acaba de desaparecer. Xa sei que me dirán que nos últimos tempos as relacións comerciáis, empresariáis, culturáis, universitarias e de ocio non teñen nada que ver con aqueles tempos do escudo e da peseta cando viviamos de costas; deso non hai dúbida, pero créanme se lles digo que aquel refrán tan arraigado no portugués de a pé que dicía 'de España nin bon vento nin bon casamento' non acaba de pasar a mellor vida, e por estes lares aínda non acaba de desterrarse a imaxe do portugués de fiambreira ateigando a praia de Samil, ou esoutra imaxe esterotipada que impide ver algo máis alá das toallas ou do frango á brasa de Valença ou Chaves.


A maioría da poboación segue vivindo moi de costas, sen querer enterarse do moito que nos vai no bó entendemento a tódolos niveis, de aí o necesario fortalecemento desa Eurorrexión que pelexa cada día pola mellora das comunicacións ferroviarías, na simplificación para transitar polas autovías e no necesario labor de concienciación colectiva de que xuntos vainos ir moito mellor, mesmo bailando na Noitevella.

Te puede interesar