Opinión

EVITAR O CAOS

Non hai moito tempo augurei aquí mesmo, sen tratarse de ningunha adiviña meritoria, que as mobilizacións portuguesas da 'geraçâo à rasca' máis cedo que tarde ían ter o seu paralelismo a este lado da fronteira; era cuestión de días. E nesas estamos en plena campaña, cunha xunta electoral sen saber que facer por moito que a lei impida manifestacións en xornadas de reflexión, porque hai momentos nos que prender calquera mecha, por curta que pareza, pode desembocar no maior dos incendios.

Un quere ver con certa simpatía todos estes movementos, en principio espontáneos, que parecen indicarnos que a nosa xuventude non é soamente esa dos comas etílicos en macrobotellóns multitudinarios que tanto reflicten os medios de comunicación; ou esoutra que asiste regularmente a clase e prepara máis ou menos os exames sen querer saber moito do que lles agarda unha vez que poidan colgar o título no salón da casa familiar onde, se as cousas non cambian, corren o risco de pasar o resto dos seus dias. Parece que algúns comezan a decatarse de que a historia non cambia por sí soa, e que ese dito tan socorrido do 'nunca choveu que non escampara' ten trazas de quedar obsoleto converténdose nun diluvio permanente e universal para o que non existe ningunha arca de Noé á que engancharse. E eses algúns aí están facéndose oir, e aínda que somos moitos os que aínda seguimos asistindo cando nos convocan ó ritual democrático de depositar o noso voto nas urnas, cecais por aquelo de que somos conscientes do moito que costou conseguilo; hai toda unha xeración de novos votantes ós que isto lle veu dado e que lonxe dese romanticismo que nós lle votamos ó feito, eles queren velo desde o punto de vista da utilidade, e moito me temo que as campañas electoráis o único que fan é convencelos de que o máis sensato é quedar tirados na poltrona o día de autos ou, no mellor dos casos, quedar democráticamente sentados diante do que se deu en chamar a 'casa de todos'; isto é, diante dos seus concellos.

Seguramente moitos dos rapaces que están participando nas diferentes concentracións estaban agardando oir na voz dos aspirantes a representalos, e na situación tan complexa na que nos atopamos, algo distinto á cantinela habitual, tan recurrente en tempos nos que parecía que nadabamos na abundancia; pero pouco ou nada ouviron de presente e de futuro, e desde logo nadiña se dixo de asuntos que puideran incomodar a alguén; porque a ver quen é o guapo que lles dí ós seus conveciños para gañar o seu voto que hai que ir pensando en darlle unha voltiña á conformación dos núcleos poboacionáis e á concentración dalgúns servicios básicos, sexan universitarios, aeroportuarios, sanitarios, agrarios, ou mesmo os relativos o parque de bombeiros ou a casa cuartel da garda civil.

Non o van ter fácil quenes ocupen os sillóns municipáis a partires deste domingo; quero crer que agora sí que é verdade que os aspirantes a representarnos fano por auténtico sentido altruista do deber e non do medre persoal, porque onde non hai cartos, e ó parecer non os hai, haberá que botarlle moito traballo, imaxinación e verdade, como xa moitos cidadáns de a pé llas están botando cada día para sair cara adiante. Dese xeito poderán convencer a toda esa lexión de rapaces de que o futuro está por escribir entre todos, de que hai esperanza dando cada un o mellor de sí. Non nos podemos permitir o luxo de perder a seiva nova dos que deberían poñer un pouco de cordura e ilusión neste caos no que andamos metidos.

Te puede interesar