Opinión

DON VILA

Seguramente neste día anterior á Noiteboa, idóneo para deixarse levar pola nostalxia á que contribúe o fondo musical dos Nenos Cantores de Viena que me acompaña, podería dedicarlle estas liñas a uns cantos amigos que mo teñen máis que merecido. Pero hoxe quero centrarme en quen reune algunhas das mellores virtudes do ser humano, a lealdade e a autenticidade, na figura dun home de Monforte que é o vivo exemplo da amizade incondicional nos bós e, sobre todo, nos malos momentos. Chámase Alfonso Rodríguez Vila, aínda que para moitos de nós sexa sempre o divertido e entrañable personaxe televisivo Don Vila; aquel tipo que un día apareceu polo 'Supermartes' cun certo parecido ó gran José Sazatornil 'Saza' e cunha vis cómica que lle reportou unha asídua presenza no plató durante os anos que durou o programa, presenza coa que eu volvería contar nas seguintes aventuras televisivas que o medio me foi deparando, converténdose nun dos contertulios imprescindibles na etapa do 'Acompáñenos', onde puña sempre a nota humorística e humana no medio do balbordo propio dos xóvenes emerxentes recén chegados ó mundo da comunicación.


Posúe o amigo Vila esa sabedoría popular que tanto engancha ós telespectadores, recreada nas súas historias sen grandes espaventos nin florituras; disfrutando coma un neno das súas propias invencións ou das recollidas nas diarias partidas de tute entre os seus veciños do barrio vigués de Coia. Sabe xogar perfectamente nesa liña do bó gusto que nunca debe ser rebasada para poder chegar a todo tipo de públicos, e domina maxistralmente a retranca botándolle a xusta medida de sal e picante cal mestra pulpeira do Carballiño.


Seguramente de todo isto puideron disfrutar os mandos policiáis que tiveron a sorte de contar coa axuda desde membro do Corpo Nacional de Policía nas moitas viaxes feitas polo territorio nacional. Del falan marabillas tanto o seu ex xefe e actual alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, como o actual Xefe da Policía na nosa comunidade, Luis Manuel García Mañá quen, ó igual que Avelino, pasou polas comisarías de Vigo e Ourense, e do que Don Vila sempre conta a anécdota de canto tiveron que empurrar o coche oficial polo centro de Madrid. Para os dous non ten Don Vila máis que palabras eloxiosas, como as ten para todos os que él considera seus amigos, entre os que teño a fortuna de estar; porque Alfonso é fundamentalmente iso, amigo, deseoso de poder botar unha man, ou as dúas, a quen lle pide axuda; sempre con ganas de tomar un café ou paliquear da vida, e sempre acompañado dunha muller todo corazón, a súa compañeira Luisa, que cal 'road manager' acompaña sempre ó humorista a calquera convocatoria televisiva, axudando mesmo ás encargadas de estilismo nos labores de prancha ou do que faga falta; unha muller galega das que fan da prudencia a mellor sabedoría. E por iso son meus amigos da alma, Alfonso e Luisa, pola súa sinxeleza, polo seu corazón, e porque en momentos importantes e delicados sempre estiveron aí.


Con Don Vila contéi tamén na miña andadura radiofónica, tanto na Galega como en Punto Radio, sempre disposto a rirnos de nós mesmos e a sufrir coas subidas e baixadas de tensión que o Celta dos nosos amores nos producía; e sempre sacándolle punta á vida diaria que dá tanto de sí.


Temos xantar pendente en Vila Nova de Cerveira, pero estámolo postergando para poder celebralo cando a outro común amigo lle saquen a man negra que alguén se encargou de poñerlle caprichosamente enriba.

Te puede interesar