Opinión

DÍAS DE REIS

Prométolles que mentres escribo estas liñas estou vendo pasar a Cabalgata de Reis e levo un tempiño, observando sen ser observado cal James Stewart en 'La ventana indiscreta', disfrutando de todo o ambiente previo a un dos anoiteceres máis máxicos de todo o ano. Chegan case ata a miña ventá os globos de cores que este ano sí, sen a incómoda chuvia do ano pasado, se venden coma rosquillas de Ribadavia, que tamén forman parte dese costume tan arraigado en toda canta festa se celebra en Vigo, recordándolle á cidade olívica o seu carácter cosmopolita e multiculural. E é aquí onde me toca agardar polos Reis Magos, mentres a miña mente viaxa ata Ourense lembrando un dos momentos máis felices da miña vida, cando o Rei Gaspar me deixou substituílo na capital para repartir caramelos e ilusións entre os meus. Porque esa xustamente é a palabra de tal día coma onte e coma hoxe, 'ILUSIÓN', así con maiúsculas; esa que podo ver, desde este observatorio privilexiado da rúa García Barbón, na cara dos centos de nenos que, entre nervios, medo, risas e berros, agardan impacientes por esas carrozas que eles, sen dubidalo nin por un momento, imaxinan ateigadas de todo aquelo que pediron nas súas cartas. Os nenos son os grandes afortunados neste inicio de ano tan agoireiro, porque xa prácticamente son eles os únicos que poden crer en seres fantásticos e poderosos que van recompensar o seu bo comportamento, seres ós que creerán sen pestanexar cando lles digan desde o balcón do Concello que poden e deben durmir tranquilos porque pola mañá, esta mañá na que estamos, todos os seus anceios serán satisfeitos.


Non me digan que non senten unha terrible envexa dos cativos, ter a completa seguridade de que as promesas que os barbudos fixeron onte pola noite se cumpren hoxe pola mañá, e que se non puideron cumprir con todo exactamente, tratarán de que se pareza o máis posible; e se a bicicleta para ganar o 'Tour' non deu chegado a tempo sempre haberá uns calcetíns voadores ou unhas deportivas ben chulas coas que sentirse Ricky Rubio. Porque iso é seguramente o que máis dun pai lle está transmitindo ó pequeno que ten no colo e que comeza a impacientarse coas luces e bucinas das motos da policía local. Cóntanlles que este ano os Reis tamén teñen algo de crise e que igual non chegan as 'PlayStations' para todos, pero que non se preocupe porque nos seus zapatos limpos haberá outros agasallos que lle van a encantar. Porque os reis saben que ós nenos non se lles pode mentir xa que non o perdoarían nunca; pero tamén saben que viven cheos de ilusións e soños, e por iso os Magos, aínda que teñan hipotecados os seus palacios de Oriente, non deixan de acudir á súa cita anual; porque cando o ano pasado lles prometían que se eran bos volverían visitalos cada 5 de xaneiro estaban adquirindo o maior dos compromisos con quenes depositan neles toda a súa confianza.


Chega a primeira carroza e intúo que un pequeno lle está preguntando ó seu pai que lle pedíu él a Melchor, ó que seguramente o pai gustaría de responder que soamente quere recobrar un chisco da ilusión e da esperanza que alquén lle prometeu hai ben pouco, e que nos seus zapatos limpos soamente agarda que lle deixen unha nota que diga: 'Vale por un posto de traballo', e se ó final ocorre o mesmo que coas 'Plays', que se esgotan rápidamente, pide que completen a nota xurando facer todo o que estea nas súa divinas mans para que se cumpra o antes posible. E o pai tamén quere crer no señor das barbas.

Te puede interesar