Opinión

DESFILES DE MODA

Tal como vos contaba no 'Neurovisión' do mércores, hoxe estarei no Barco de Valdeorras para exercer de mestre de cirimonias da Pasarela de Moda 'O Barco Aberto'. Non é moi corrente verme neste tipo de eventos desde que hai vinte anos, na Sala Vanessa de Ourense, eu presentara o meu último desfile estudiantil cos alumnos da Universidade Laboral lucindo a roupa de 'Cachito'; distoteca aquela onde eu anunciaba 'urbi et orbi' a miña fichaxe polo 'Supermartes' da TVG.


Onte mesmo, cando me reunía cos organizadores do desfile do Barco recordaba con especial cariño eses anos nos que eu compaxinaba os meus estudios universitarios, e mesmo os primeiros anos de docencia, co mundo das orquestras, os desfiles de moda, e mesmo o das discotecas, xa que non esquezo que o primeiro casting feito para a tele produciuse nunha etapa na que estaba oficiando de relacións públicas da discoteca 'Nexus' da rúa Valle Inclán, onde xunto co meu amigo Suso López puxeramos en marcha un concurso para grupos pop e rock, con excelente acollida por parte dos moitos rapaces que na cidade das Burgas loitaban por abrirse oco artístico coas súas guitarras e as súas voces.


Foron anos felices de grato recordo ó lado de excelentes profesionáis do comercio ourensán e do estilismo; desde Lito Seoane, Maruska e Claudio ou Roberto Peluquero ata firmas tan importantes como José Luis Novias, Angelo Milano ou Balboa, sen esquecer nunca ó sempre innovador Jorge Varela, que en todo momento tivo moi claro que a gafa era un complemento indispensable do bo vestir. E de todos eles, e moitísimos máis, recordo con especial cariño a participación naquelas pasarelas de moda que o Concello organizaba na Praza Maior cada mes de setembro, xa que hai poucos marcos tan máxicos coma ese para reunir a milleiros de ourensáns en torno a moda. E aquí destacarei sempre o traballo impecable de Manuel Freire que leva moitos anos desenrolando eficazmente o seu labor na Concellería de Cultura, sendo, xunto co seu equipo, unha garantía na producción e na realización de moitos espectáculos.


Neste tempos actuáis sempre me agrada ver como a Axencia 'Luena' de Manuel Varela recolleu a testemuña daqueles anos dourados e organiza con gran acerto moitas outras pasarelas e eventos, sexan de carácter benéfico ou comercial, congregando a non poucos personaxes saídos de programas televisivos ou certames de beleza. Hai que lembrar que o amigo Manuel foi o principal responsable do enorme éxito de convocatoria daquelas Pasarelas Antisida nas que ata chegou a convencer á troupe madrileña do mediático José Manuel Parada para que acudisen de xeito gratuito a Ourense; contando, así mesmo, co mellor elenco de actores, músicos, presentadores e modelos galegos que desembarcaron no Pavillón de Oira chegados desde toda a nosa xografía. Foi a maior concentración de caras coñecidas vista na nosa cidade que respondían masivamente a aquela convocatoria solidaria que o novo presidente da SGAE, Antón Reixa, bautizara como 'Contra a SIDA, Rock&Roll', e na que tiven o pracer de gravar a publicidade do desfile na Radio Galega co fondo musical dos Pet Shop Boys e o seu 'Go West'.


Pois hoxe recordarei eses momentos enriba da pasarela de 'O Barco Aberto' na que actuará Fran Dieli, colaborador habitual de María Teresa Campos no seu 'Que tiempo tan feliz', e que contará tamén con rostros e modelos ben coñecidos polo público asistente, e que non dubido será todo un acontecemento social na comarca de Valdeorras.

Te puede interesar