Opinión

Déixennos resperiar

Por favor, respecten o mes de agosto, pídollo en nome dos milleiros de persoas que precisan un pouco de tranquilidade antes de afrontar as incertenzas e os medos de setembro.

Se non teñen noticias que dar, eliminen temporalmente os noticieiros, pero por favor non fagan da prima de risco unha serpe de verán, como noutrora o fixeron cos casos de SIDA ou a guerra das bandeiras. Precisamos que nos deixen respirar un chisquiño aínda que as cousas sigan igual ou pior que hai uns meses; non pensen que queremos practicar a política do avestruz escondendo a cabeza ante calquera constipado estadounidense, o que queremos é poder disfrutar dunha sinxela tortilla de patacas ó lado dun río, dun filete empanado no céspede de Samil ou dun par de chistonis na gran verbena na que se converte Galicia nesta ponte do quince de agosto. E se para algún dos días se prevé algún orballo ou algunha néboa impertinente, tampouco nolo adianten; estamos de brétemas e neboeiros ata a coronilla, e precisamos do sol aínda que sexa debuxado nunha cartulina; xa nos chegou o mes de xullo para acordarnos das malditas témporas. Non queremos saber nestes dias a como cotiza nada, nin en Wall Street nin no Xapón, e mesmo pecando de ser considerados insolidarios nin queremos saber o nivel de radiación que se agocha tralos informes oficiáis nipóns, xa nolo contarán a fin de mes, total nada podemos facer. Deixen de momento as sondaxes preelectoráis, xa nos chegará o tempo, nin poñan imaxes de governantes nin familias reáis en iate ou bañador, que iso cabrea moito, aínda que teñan todo o dereito do mundo a refrescar os pinreles e as ideas, para poder volver en setembro dispostos a deixarse a pel por este País que precisa sair a flote. Non é momento, nin sequera para encher páxinas ou tempo radiofónico, de espetarnos as indecentes cifras das fichaxes futbolísticas cando milleiros de familias non chegan a fin de mes; nin é tempo de vendernos unha vez máis o Madrid-Barça como se fose o acontecemento do século, porque a pesares de que arrasen nos índices de audiencia non deixan de ser vintedous tipos correndo tras dun balón; e por moito que berren 'Visca Cataluña' ou fagan pases toureiros coa bandeira de España, non deixan de ser mercenarios do patrón que paga as súas abultadas nóminas, contra as que nada teño sempre que paguen relixiosamente os impostos correspondentes no País que os fai ricos. Non queremos que para encher os informativos nos lembren unha e outra vez feitos tráxicos da nosa historia máis recente; xa choramos no seu día coa visión dos orfanatos rusos e chineses; xa nos indignamos cos atentados terroristas dos bárbaros do norte ou dos fanáticos do sur; xa nos solidarizamos no seu día e moitos anos despois cos afectados pola colza, sofico, rumasa, reace, peste porcina, vacas tolas, ou a máis que cuestionada gripe A; e xa sufrimos solidariamente cos desastres naturáis do sudeste asiático, Haití, os mineiros de Chile ou os accidentes aeronáuticos. Preferimos que se teñen que encher minutos o fagan con noticias positivas que nos deixen durmir a sesta plácidamente; por non poñer que nin nos poñan a esas princesas de barrio berrando que matan a non sei quen pola súa filla; ata a eses monicreques televisivos hai que darlles un descansiño para que volvan na próxima tempada a conseguir que todo o mundo fale da telebasura mentres se tragan horas e horas de supostas infidelidades e non poucos insultos.

Pero nestes días, por favor, deixennos soñar.

Te puede interesar