Opinión

DAR A CARA

Que importante é andar pola vida sen demasiadas ataduras, con esa liberdade de pensamento e acción que che permite tomar o vieiro que mellor che parece en cada momento, coa liberdade enriquecedora de poder equivocarte e volver atrás para coller outro ramal. Que necesario é ter amplitude de miras para non caer no pozo do minifundismo intelectual. Que saudable é viaxar lixeiro, sen cargar co lastre das malas envexas ou dos odios enfermizos que mesmo poden chegar a podrecerche a alma. Que sorte a de poder vivir sen grandes rancores nin ansias de vinganza. Que estupendo é chegar á sabia conclusión de que paga a pena escoitar ós moitos que te queren e non facer caso das anónimas voces que tratan de contaxiarche as súas máis profundas miserias, sabendo que as únicas miserias ás que hai que atender son ás provocadas pola inxustiza e a insolidariedade.


Tardamos moito tempo, demasiado, en facerlle caso ó realmente importante, perdemos demasido tempo en liortas sen sentido ou en sacarnos de enriba pesadísimos lastres que nos impiden camiñar lixeiros de equipaxe. Non é fácil ás veces detectar ó inquilino fantasmal que se che colga do ombreiro e que viaxa gratis contigo, engordando cada día a base de libarche a enerxía e impedíndoche avanzar ata chegar ó punto de conseguir paralizarte. Que importante é descubrir a tempo estes elementos perniciosos para despegalos da túa pel. Que sensación de laxitude se produce no teu interior cando isto sucede e logras poñer os medios necesarios para que ninguén máis suba ás túas costas sen permiso.


Cantos medios gastados inutilmente apagando lumes prendidos polos pirómanos da difamación e o escarnio; cantas horas perdidas lendo a quen non se debe ler, vendo a quen non se debe ver ou escoitando a quen non se debe escoitar. Canto marabilloso tempo que se podía empregar en ler, ver e escoitar a quen realmente paga a pena, aínda que non compartamos para nada o seu predicamento, xa que no debate e na confrontación de ideas está a base do desenrolo persoal. Ideas e opinións con nome e apelidos, por suposto, non agochadas covardemente por detrás do anonimato; os pseudónimos están moi ben para os concursos literarios, para nada máis. Na vida hai que dar a cara, co risco que iso conleva de que cha queiran partir, pero polo menos sabes a quen tés en fronte e mesmo podes adiantar a estratexia para evitar o golpe.


Son tempos difíciles, moi difíciles, de fácil busca de chivos expiatorios dos nosos males; en tempos parecidos xurdiron ó longo da historia planetaria toda clase de dictadores, comisarios políticos, acusóns e difamadores. É máis fácil ca nunca utilizar a demagoxia barata e conseguir adeptos para a causa; cando a fame apremia o raciocinio vai en diminución, e cando a miseria comeza a instalarse entre nós baixan do monte os lobos con pel de año que aínda pertencendo a manadas diferentes, e mesmo enfrontadas, son quen de xuntarse para engaiolar ós máis indefensos da granxa colectiva, transmitíndolle en cada dentellada boa parte da bile que levan acumulada.


Ültimamente están aparecendo imaxes que arrepían o corpo, con tipos de negro que democráticamente elexidos poñen en pé, que ven sendo de xeonllos, a ducias de xornalistas impasibles. Iso está ocorrendo aí ó lado sen que ninguén pareza querer facer nada ó respecto; e sen ir tan lonxe, por estes lares estámolles dando 'cuartelillo' e ríndolle as gracias a quenes desde o seu anonimato mediático van propiciando conductas tremendamente parecidas.


Te puede interesar