Cartas al director

SOS vivenda social

“U-la vivenda social que necesitamos todos?”

Ese berro dunha das afectadas polo incendio ocorrido na R/ Alfonso X de Vigo pon de manifesto o problema: a ausencia de vivenda social.
“Sacáronos da súa chabola para metelos nun cadaleito”, declarou Antón Bouzas, coordinador de Os Ninguéns, que leva moitos anos batallando polo dereito á vivenda.
A inacción do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia para facilitar vivendas cun alugueiro social ás familias afectadas polo desaloxo, en 2019, das chabolas do barrio do Caramuxo tivo consecuencias mortais para Rosana, Ezequiel, Aldara e Sara.

A vivenda é un dereito humano que debe ser alcanzable, non un ben de investimento ou un produto de luxo.

A vivenda social é clave para garantir o acceso á vivenda cando as condicións do mercado inmobiliario son un obstáculo insuperable para moitas persoas en situación de vulnerabilidade. Segundo o Observatorio da Vivenda de Galicia, o prezo medio actual do alugueiro en Vigo é de 590 Euros, cifra que pode duplicarse en determinadas zonas, fronte os 400 Euros en 2014. En Vigo hai rexistradas 1.353 vivendas de uso turístico e o problema son os 266 desafiuzamentos na provincia de Pontevedra en 2022 (5 á semana).

O parque de vivendas sociais en España representa o 2,5% do total de vivendas, máis de 6,5 puntos porcentuais por baixo da media dos países da Unión Europea. Só un 1,6% das vivendas existentes están dedicadas a políticas sociais, mentres que a media dos países da Unión Europea supera o 15%. En España está moi lonxe dos países con maior taxa de vivenda social como Países Baixos (30%) ou Austria (24%)).

A solución pasa por un plan plurianual que garanta o incremento progresivo do parque mínimo de vivenda destinado a políticas sociais, incluído o alugueiro social, e un calendario para acadar o estándar europeo do 15% de vivenda social.

Garantir o acceso do dereito á vivenda para todas as persoas, a non discriminación e o enfoque de xénero é responsabilidade da Xunta e do Concello de Vigo, que deben aplicar o control de prezos nas zonas definidas como “tensionadas” previsto na Lei estatal de Vivenda para frear a especulación e abusos no prezo, e garantir que ningún desafiuzamento deixa ás persoas na rúa de modo e unha alternativa habitacional adecuada.

Cartos para garantir un dereito humano básico como a vivenda hai dabondo, só compre vontade política nunha cidade como Vigo que nos vindeiros catro anos vai dedicar máis de 9 millóns de euros á iluminación do Nadal e un goberno autonómico cuxo orzamento en 2022 superou os 120.000 millóns de euros, dos que dedicou preto de 12 millóns ao Instituto Galego de Vivenda e Solo.