Jorge Cubela: “A fusión permitiunos captar investimentos e proxectos estratéxicos”
Entrevista
Jorge Cubela cumpre 15 anos como alcalde de Cerdedo-Cotobade e é o rexedor máis novo de España no 2011
Jorge Cubela (Pontevedra, 1989), licenciado en Dereito pola USC cumpre 15 anos como alcalde de Cotobade, primeiro, e de Cerdedo-Cotobade desde o 2016. Cubela foi, ademais, o rexedor máis novo de España no 2011.
Por que decidiu presentarse á Alcaldía?
Porque se percibían as ganas de cambio en Cotobade nese momento. O PP apostou por min para ser o cabeza de lista porque coñecían a miña traxectoria en Novas Xeracións e na representación estudantil na Universidade de Santiago. Propuxéronmo, aceptei, e traballei para convencer aos veciños cun resultado de maioría absoluta. O máis complicado entón foi convencer a persoas maiores de que un rapaz de 22 anos podía ser un bo alcalde. Eu era moi serio, políticamente con certas tábulas e capacidade de chegada, e a verdade é que nunca me resignei a ese intento de convencemento. Coido que conseguín imprimir esas ganas en toda a veciñanza.
Este ano cúmprense 10 anos da fusión de Cotobade con Cerdedo. Que balance fai desta decisión?
Coido que soubemos posicionarnos institucionalmente en Galicia e lograr unha colaboración efectiva multiplicada por parte das administracións superiores. A fusión permitiunos captar investimentos e proxectos estratéxicos que nos están a permitir acelerar e adiantar obras que non conseguiriamos por separado nos próximos 20 ou 30 anos. Mantivemos moi arraigado o noso sentimento de pertenza porque ninguén deixou de sentirse da súa aldea e da súa parroquia e soubemos integrar ese contexto social e histórico no logro da fusión. As primeira dubidas sobre que ía pasar coas festas patronais e demais, demostrouse que todo o mundo segue tengo a súa identidade. Adiantámonos, e creo que ten que haber máis fusións en Galicia e en España porque unha das miñas teimas é manter vivos os pobos e os servizos no rural. Iso é fundamental desde a unión administrativa.
Ese mantemento de servizos ao que fai referencia, supón un maior custo?
Somos 5.700 veciños e a Lei de Racionalización da Administración do Estado e de Galicia deixan ben claro o apoio as fusións municipais. Só por subir de 5.000 habitantes xa se nos consigna un 0,10% máis na participación de ingresos do Estado. Despois, a Lei de Administración Local de Galicia garante un fondo de fusións para os concellos fusionados durante uns anos, e nós volvemos a ter 900.000 euros este ano, e prioridade en tódalas ordenes de subvencións, convocatorias de concorrencia competitiva e firma de convenios. Nós aprobamos os orzamentos deste ano en 5,7 millóns de euros e esa multiplicación foi constante durante os 10 anos. De feito, hai un estudio da Fundación Juana de Vega e da USC sobre as fusións en Galicia e das posibles que se poidan facer, poñéndonos coma un exemplo no tema da xestión e do balance económico. Demostra que reforza moitísimo os servizo públicos e o financiamento do concello, polo tanto, iso é algo que é obxectivo. Ademais, compartimos persoal. Antes había dúas traballadoras sociais, agora hai un, antes había dúas traballadoras de xulgado, agora hai un, e temos un único técnico municipal de urbanismo para os dous territorios, melloramos as condicións dos traballadores aprobando un convenio colectivo, unha RPT e a consolidación do emprego temporal en fixo.
A maior crítica foi que non se lles preguntou aos veciños.
É verdade pero agora hai unha situación de aceptación e normalidade. Nós fixemos unha campaña de proximidade enorme sobre como ía a funcionar o concello nun contexto de necesidade de información e transparencia. Nas eleccións municipais do 2019 o resultado foi incontestable con maioría absoluta. A xente quere seguridade e non improvisamos. Teño claro que fomos pioneiros dun proceso que, a larga, vaise dar en Galicia.
Un dos proxectos en marcha é a residencia de maiores de Carballedo. Cando estará lista?
Pola planificación e o calendario de obras ten que estar acabada a mediados do 2027. Suporá un movemento de 120 persoas ao día que vai beneficiar aos negocios e a toda a contorna, ademais do servizo social tan importante que vai a xerar.
En que situación están as termas de San Xusto?
Ese foi un dos meus proxectos máis importantes. Fomos o primeiro concello de Galicia que firmou o pacto coa paisaxe coa Xunta e agora o que estamos é acabando de levar adiante o aproveitamento das augas termais. Temos concedida xa a declaración da termalidade das augas e agora temos que aprobar o proxecto de explotación. Estamos nos últimos flecos adaptando certas partes do edificio ás exixencias sanitarias e nos próximos meses imos poder sacar á licitación a xestión do edificio.
É o turismo rural a alternativa económica de Cerdedo-Cotobade?
Temos o proxecto da construcción das cabanas e o futuro campamento, polo que o turismo rural é unha alternativa para Cotobade. Temos que dicir que estamos nun bo momento de investimento público e de chegada de proxectos de investimento privado. No público está a futura área verde de Cerdedo ou a urbanización das cabanas próximas a San Xusto. Moi ilusionado porque tódalas semanas hai consultas urbanísticas e estamos nun bo momento de posicionarmos para atraer máis turismo e infraestrutura turística. E logo, para atraer á máis xente nova, dicirlles que temos unha escola infantil, tres colexios, un instituto, uns bos equipamentos sanitarios, ademais dunha actividade de conciliación importante como as actividades extraescolares que organizan as escolas deportivas. Somos un concello moi dinámico. A eliminación de impostos de construción para construir vivendas unifamiliares foi pioneira e segue estando aí. Entre o 2024 e 2025 fomos o segundo concello da comarca onde mais transaccións inmobiliarias houbo. Non só se beneficiaron Tenorio e Vascón coa chegada de veciños, parroquias como Augasantas sumou 20 persoas no patrón municipal e no colexio de Carballedo medrou a matrícula. Hai unha xeración de novos veciños, así como a recepción de inmigrantes que estamos recibindo e que se están integrando perfectamente.
Púxose en marcha a Liña Conecta Rural con autobuses ás áreas máis despoboadas. Por que non se incluíu a Cerdedo-Cotobade?
Aquí escolléronse tres concellos, Portas, Moraña e O Campo Lameiro, que non tiveran o SIMU (Servizo de Interese Municipal). Nós xa temos o mesmo tipo de servizo con tódalas rutas desde Augasantas, Valongo, Caroi… E pola N-541, co máis recente que puxemos para que os rapaces poidan chegar á Xunqueira, en Pontevedra. Sen embargo, estamos sorprendidos das poucas familias que o están utilizando. Tiñamos unha lista de interesados dunhas 40 persoas e estase utilizando por parte de 5 ou 7 rapaces. A xente demanda servizos, pero hai que utilizalos para valorar que sexan rentables.
Será unha realidade a fibra óptica en todo o rural?
Estamos moi avanzados niso e, prácticamente, o 75% do territorio está a ter a posibilidade de conectarse á fibra óptica. Nos próximos días, Avatel vai dar de alta máis de 1.000 novos usuarios e estamos traballando e loitando para que aquelas zonas que non teñen infraestrutura móbil ata os seus lugares poidan conseguirla a través de soterramento. No que respecta ás incidencias coa liña de telecomunicacións, o que nos queda é presionar, detectar as incidencias e transmitir ás compañías propietarias da infraestrutura a súa reposición coa maior urxencia. Este inverno foi terrible porque nos sucederon moitos temporais, prácticamente as primeiras noites xa comezaba a fallar a cobertura telefónica e o Internet de banda ancha e iso non pode ser.
O Senado admitiu a trámite a mellora da N-541. É un primeiro paso para unha demanda histórica?
O accidente que houbo no 2022 na N-541 foi o meu peor momento como alcalde. Dende aí comprendimos que, sen ser causa efecto do accidente, que os alcaldes dos municipios por onde pasa tiñamos que unirmos. Por iniciativa miña, constituimos o Pacto de Pedre con 7 alcaldes afectados para ter máis forza. Esa é unha das cousas ás que vou adicar a miña vida política. A N-541 é moi perigosa e non se beneficiou de grandes investimentos como noutros sitios e estamos vendo que a situación é deplorable. O BNG presentou a proposta e o PP, a través da senadora Nidia Arévalo, propuxo unha enmenda para que se integren obras urxentes de conservación.
Volverase a presentar á Alcaldía?
Sí, e confirmo que encaro o proceso electoral do 2027 con moita ilusión e madurez.
Como concilia?
Vivo no meu concello e considero que os alcaldes deben vivir nos seus pobos para saber do que se disfruta e do que falta. Os meus fillos estudan en Tenorio e a miña muller tamén traballa no territorio municipal. Eu empezo no Concello ás 7.30 e alternámonos a súa nai e máis eu, pero a conciliación é o máis difícil de todo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar