Opinión

Reflexións profundas

Nunca entendín moi ben esta xornada previa á cita coas urnas, na que as televisións nos ofrecen unhas imaxes idílicas dos candidatos paseando en familia, xogando cos nenos ou dándolle ao pedaleo para demostrar que están en plena forma. En fin, alo menos eles e elas poderán relaxar as súas gorxas e nós os nosos ouvidos despois de tantos días, ou meses, de discursos nos que non quedou monicreque con cabeza.

Eu preferín estes días botarlle unha reflexión ao caso “Vinicius” e a todo o ruido mediático que produciu en medio mundo, onde pouco menos que se pide que o noso país sexa declarado “non grato” en todo canto organismo internacional de dereitos humanos exista. E como non, co ditoso fútbol e os futbolistas de por medio.

De que nos estamos estrañando? De que unha ducia ou un milleiro de seareiros de calquera equipo, amparados na perigosa masa, sexan quen de insultar ou denigrar a un xogador pola súa cor de pel? Pero, ¿de verdade que tivo que encararse Vinicius con algúns espectadores para que nos decatásemos do que leva sucedendo nestes recintos deportivos dende sempre?

Xa teño comentado varias veces que eu gusto de ver o fútbol dende o sillón da miña casa, xa que as poucas veces que me convidaron ou fun pola miña conta a diferentes estadios, galegos e non galegos, coma o Bernabeu, o Camp Nou, ou cando o Mestalla era o Luis Casanova, entre outros, saín case sempre cun cabreo supino con todo o que se ten que escoitar a pouco que esteas atento ás barbaridades que solta o señor do lado, acompañado moitas veces do fillo pequeno ao que lle dá nesa hora e media de partido un curso intensivo de intolerancia, homofobia e racismo, entre outras lindezas.

Pero isto xa comeza cando ese mesmo rapaz compite en categorías infantís as fins de semana, onde moitos pais e nais se comportan dende a grada como auténticos energúmenos, insultando e ameazando a árbitros adolescentes ou xogadores que aínda nin fixeron a primeira comuñón. Sei do que falo porque hai anos que o vivín cos fillos de amigos meus, aos que iamos animar, tratando de pasar uns momentos agradables antes do vermú dos sábados, rematando por retiralos das competicións e orientalos cara outras disciplinas e divertimentos máis exemplarizantes. Saímos todos gañando co cambio.

Con isto non estou dicindo que o mundo do fútbol sexa o único no que suceden feitos tan graves como o vivido por Vinicius e por moitos outros xogadores; desgraciadamente na vida cotiá son moitos os casos de desprezo do “diferente”; e senón pregúntenllo, eu fágoo moitas veces, aos amigos que acaban de chegar a vivir con nós buscando unha vida mellor, a cantidade de veces que teñen que morder a lingua para non entrarlle ao trapo a tanto desprezo por ser “panchitos” ou xitanos aos que soamente lle rimos a gracia cando nos tratan de vender roupa nos mercadillos.

¡Claro que hai racismo no fútbol, e homofobia a rabear! Pero tamén as hai na vida diaria, con persoas que non son famosas e non teñen quen as defenda, porque ata teñen vergoña e medo de acudir á policía para denunciar un delito de odio. Ogallá que o caso “Vinicius” servira como revulsivo para que nas familias se falase do tema e irlle gañando a batalla á intolerancia e ao desprezo, ese que máis dun galego tivo que sufrir igualmente non tempos duros da emigración.

E ogallá que os meus amigos chegados do outro lado do charco non teñan que repetirme a cotío iso de que é todo unha cuestión de “cor de pel”. ¡Que pouco temos avanzado ou canto estamos retrocedendo! ¡Que perigo!

Te puede interesar