Opinión

Feliz Día da nai

Seguramente será a reflexión en voz alta da que me sinta máis orgulloso, cando o Goberno Galego tivo a ben concederme a “Medalla Castelao” pola miña traxectoria profesional. Eu, que son moi dado á improvisación, quixen para ese acto tan importante levar por escrito todo o que quería expresar saído do máis fondo do meu corazón. E o que quería dicir fundamentalmente eran palabras de agradecemento a todas as persoas que me permitiron chegar ata ese momento e ese escenario do Pazo de Congresos de Santiago onde se me impoñía tan prezado galardón. Pero quixen que todo o meu discurso xirase en torno ás marabillosas mulleres galegas a quen dediquei especialmente as miñas palabras máis sentidas, porque sempre tiven claro que foron elas, e seguen sendo a día de hoxe, quenes sempre estiveron á miña beira de xeito incondicional en todo canto fixen e fago nos medios de comunicación; esas mulleres galegas para quenes falo cada vez que se encende a luz bermella dunha cámara de televisión ou dun micrófono de radio; esas mulleres ás que nunca se lles recoñecerá suficiente o seu inmenso traballo con ese xeito tan calado, pero tan necesario, á hora de “Facer País”. Son as que me seguen parando pola rúa e preguntando amablemente pola miña saude, e son tamén as máis tímidas, as que non se atreven a pararme pero que coa mirada e o sorriso xa cho din todo.

Son, en definitiva, esas mulleres que me abriron as portas das súas casas para que entre cada semana a facerlles un chisco de compaña despois dun día duro de traballo, cando poden por fin sentarse cómodamente diante do televisor. Son as mesmas que cando te saudan pola rúa dinche que formas parte da súa familia despois de tantos anos de risas compartidas nos programas de entretemento que tiven e teño o pracer de presentar. Son as que fixeron que 31 anos despois eu siga levándolles a música e o humor dos nosos convidados e artistas; e orgulloso que me sinto delo, porque se hai algo importante nesta vida é tratar de facer felices aos demais, sobre todo á xente que te quere incondicionalmente a cambio de nada, a xente que dá os abrazos de verdade e a que che fala con esa sinceridade como soamente saben falar as nosas mulleres; e fálanche neste noso idioma do que por fin se senten orgullosas, porque desde hai moitos anos hai unha televisión que lles fala como elas sempre falaron, sen ter vergoña de empregar o galego cada vez que teñen que acudir a calquera cita médica, notarial, á compra ou á misa. Son as que en multitude de ocasións exerceron de administradoras do fogar, conservadoras e divulgadoras das nosas tradicións, facendo de mestras, aínda que non tivesen carreira, de enfermeiras, de psicólogas e de dez mil cousas mais; pero sobre todo exerceron do máis importante, exerceron e exercen de NAIS, esas nais como a miña para quen eu tiven as palabras máis emocionadas no discurso da “Medalla Castelao”; unha nai emocionada con bágoas nos ollos que vía como todos os seus esforzos e traballos da vida levaban ao seu fillo a falar desde aquel auditorio tan importante. Eu miraba emocionado para ela e estaba vendo na súa linda cara a todas esas mulleres galegas que facéndose a sí mesmas conseguiron sacar adiante as súa familias, que en días como hoxe queren renderlle unha homenaxe máis que merecida. Para todas elas, estean onde estean, vaia hoxe e sempre o noso gran cariño e gratitude. Feliz Día da Nai. Felicidades mamá.

Te puede interesar