Opinión

Eurovideoclips

Non facía falta ser un “Uribarri” para adiviñar que sería a sueca Loreen quen volvería levar o “Micrófono de Cristal” do Festival de Eurovisión; a pesar de que o seu “Tattoo” non tivera moito que ver con aquela arrasante “Euphoria” que dende o escenario de Bakú 2012 segue soando por toda Europa. A priori soamente quedaba por saber se o finlandés de vinilo verde fosforito e a súa simpática “Cha Cha Cha” eran quen de quitarlle a coroa e a posibilidade sueca de empatar con Irlanda en número de festivais gañados. Ao final cumpríronse as previsións e será Suecia quen organice a edición 2024 do eurofestival; un país que vive intensamente este concurso e que é exemplo de como deben organizarse estas cousas; soamente temos que ver como viven os suecos o seu “Melodifestivalen”, de onde sae o artista que os representa en Eurovisión; únicamente comparable á intensa semana musical que os italianos dedican ao seu histórico “San Remo”, por onde teñen pasado todos os cantantes de éxito do país da bota, un país por certo que ten por costume non votarnos prácticamente nunca. O certo é que sempre levan artistas de gran calidade saídos do seu “San Remo”, como o gran Marco Mengoni, que xa no 2013 vencía coa canción “L’Essenziale” obtendo un sétimo posto en Eurovisión e quedando cuarto nesta pasada edición co tamén fermoso tema “Due Vite”. No desfile de bandeiras de inicio do festival fixo a súa entrada no escenario de Liverpool portando a do seu País e a do movemento LGTBIQ+.

Da representación española pouco teño que dicir, salvo que Blanca Paloma defendeu a súa “Eaea” con toda a forza da que foi quen, pero prefiro non opinar demasiado sobre canción e intérprete por non ser un tema da miña devoción, e hai moito “talifán” solto que aproveita calquera ocasión para anónimamente poñerte a caldo nas redes soiciais, e os da “vella garda” xa non estamos para esas tonterías. Eu, deNde hai uns aniños, limítome a gozar da cea que cada ano organizamos un grupo de amigos e ver Eurovisión coa paixón xusta para non levar moitos desgustos.

Porque todos os que me seguides tanto aquí nestas páxinas como cando estaba na radio sabedes da miña teima polo tema da orquestra en directo desaparecida no ano 99, cun adianto o ano anterior no que Dana International gañaba o festival para Israel sen músicos nin director de orquestra, pero que os italianos conservan, e de que maneira, no seu festival de “San Remo”, onde son quen de acompañar e engrandecer temas como o “Zitti E Buoni” co que o grupo de pop rock “Màneskin” gañaba tamén Eurovisión.

E dende hai uns anos a miña outra teima, que desgrazadamente vaise cumprindo, é que Eurovisión estase a converter nun festival de videoclips, onde case todo ben xa “cociñado” da casa, cos coros e segundas voces tratadas e gravadas previamente, e no que moitos artistas se limitan a facer as súas coreografías, onde o traballo dos realizadores ten moito máis valor que o que sae pola boca dos cantantes. Que eu recorde este ano soamente houbo un par de cancións con coros visibles e en directo, cousa de moito agradecer.

Pero ao parecer por aí seguirán as cousas, xa que con iso se está chegando cada vez máis a un moi numeroso público novo que antes vían isto de Eurovisión como algo das súas avoas, e agora demandan o que eles normalmente seguen nas redes sociais; isto é, un gran escenario coas últimas tecnoloxías audiovisuais e pantallas como as impresionantes coas que a BBC ofreceu un espectáculo impecable.

Te puede interesar