Opinión

Tamén Israel

Que todo Estado ten o dereito – atreveríame incluso a dicir que a obriga – de definir o seu carácter, a súa identidade nacional e todo o relacionado coa simboloxía propia que o identifica, é algo recoñecido e non cuestionado por ninguén. Por ninguén seica coa inexplicable excepción do Estado de Israel contra quen desde hai uns días e desde moitos sectores chóvenlle críticas pola recente aprobación na Knesset (Parlamento) dunha lei fundamental dirixida a resolver un baleiro lexislativo que duraba xa 70 anos. Unha lei que no seu articulado define desde a cor e forma da bandeira, a música e letra do himno, o escudo, o idioma oficial ou a capitalidade entre outros símbolos básicos de calquera ente estatal, tamén do Estado de Israel. Porque a falta dunha Constitución, a lexislación fundamental de Israel fica recollida en diversas leis de rango constitucional e coas que finalmente agárdase rematar puidendo confeccionar un único texto constitucional. Leis fundamentais estas coma por exemplo a Lei do Parlamento, a Lei da Propiedade da Terra, a da Presidencia do Estado, a da forma do Estado, a do Sistema Xudicial, a do Controlador do Estado, a da Dignidade humana e liberdade, etc... e así ate un total ate hoxe de 12 Leis Fundamentais. Lembremos que incluso en Galicia temos definido no noso Estatuto de Autonomía de 1978 e na Lei de Símbolos do ano 1984, (por certo aprobada baixo o mandato do recentemente falecido presidente Xerardo Fernández Albor) e que trata cuestións en grande medida equivalentes a recentemente aprobada Lei Fundamental do Estado-Nación de Israel. Que a devandita lei puidera ser emendable e mellorable, coma a propia Constitución Española ou o Estatuto de Autonomía de Galicia, é algo que ninguén que sexa demócrata pode negar, pero outra cuestión moi diferente é negarlle a Israel e só a Israel, o seu soberano dereito a autodefinirse.
(*) Presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel.

Te puede interesar