Opinión

Israel: vitalidade democrática nun entorno hostil

A primeira reflexión que tiro das recentes Eleccións en Israel é recoñecer o mérito excepcional de conseguir manter unha democraxia exemplar, nun entorno hostil inzado de inimigos conxurados en eliminar a Israel do mapa das nacións. Estas pasadas eleccións á XX lexislatura da Knesset (Parlamento) amosan a vital enerxia que após 66 anos desde a independencia é quen de manter institucións homologables democraticamentas as sociedades máis avanzadas de Occidente. É innegable que en circustancias de guerra ou preguerra e conflito constante durante décadas, a maioria dos paises no mundo terian sucumbido a gobernos militares, golpes de estado e reximes policiais cando non directamente totalitarios. Tamén é certo que este mérito nunca será recoñecido por moitos que pola contra si aplauden a reximes como Cuba ou Venezuela.
Mais entrando xa na análise do que foi o resultado, queda claro que as enquisas de opinión equivocáronse: non unha, senón dúas veces. Nas semanas e días anteriores ás eleccións, predicíase a derrota de forma xeneralizada en todas as sondaxes do conservador Likud de Benjamin Netanyahu. Despois, nas horas posteriores á votación, as enquisas á saída dos colexios electorais indicaban a paridade entre o Likud e a Unión Sionista, coalición de centro-esquerda formada pola socialdemocracia do Partido Laborista e o centro de Tzipi Livni. Estas sondaxes indicaban unha lixeira vantaxe para o Likud, mais ao longo da noite e conforme foi avanzando o escrutinio de voto real, resultou que o Likud era finalmente o grande vencedor, acadando 30 escanos dun parlamente composto de 120, fronte aos 24 da Unión Sionista.
Esta é outra das características a ter en conta en calquera análise electoral de Israel. A lei electoral regula a representación proporcional pura dos resultados que cada partido colleite. A democracia israelí premia así a maior reprensentatividade dos cidadans fronte ao equilibrio parlamentar. Israel, cunha lei como a española, tería en moitas ocasións maiorias absolutas, algo que xamais sucedeu nas 20 convocatorias desde o ano 1948. En Israel é máis importante, e iso é algo que está na mente dos votantes sen dúbida, que o partido gañador sexa quen de poder articular coalicións estables. Ninguén pensa a hora de depositar o voto en maiorías nidias, só en que a principal forza poida tecer gobernos que afronten os retos da sociedade israelí. Israel é un país pequeno, algo así como Galicia sen a provincia de Lugo, que está rodeado de inimigos declarados tan brutais como Hamás, Yihad islámica, Hezbolláh ou o Estado Islámico, e en consecuencia é irreal, pretender que o cidadán israelí vote en función de programas sociais e económicos como se fora un estado europeo.
Como Netanyahu foi quen de derrotar as sondaxes?
Estaba claro que unha gran parte da opinión pública israelí, incluíndo a moitos no Likud, mostrábase farta de Netanyahu. Por outra banda, non parecía existir para gran parte desa mesma opinión pública outra alternativa crible que o poidera substitur. E a isto último agarrouse con astucia de veterano Netanyahu. Empregando sen rubor e sen prudencia cara as chancelerias europeas e a Casa Blanca, unha das armas habituais da política electoral en calquera parte do mundo, facer promesas dabondo ambiguas pero ao tempo presentadas coma declaracións nidias e rotundas para que chegado o caso poidan ser “reversibles”. Por exemplo na véspera do día electoral e nun moi hábil intento (conseguido) de recuperar votos para o Likud que estaban en principio asignados polas sondaxes a partidos da dereita, manifestou nunha entrevista nunha canle de televisión que mentres el fora Primeiro Ministro non haberia estado palestino. Esta afirmación de Netanyahu, que foi amplamente recollida nos nosos medios, tivo en Israel e entre os presuntos votantes de partidos máis a dereita un efecto esponxa, conseguindo mostrar a Netanyahu como un “inflexible” falcon que inspiraba seguridade e redireccionar así moitos votos desde estes partidos para o Likud. Reler logo as declaracións descubre que o que realmente afirma Netanyahu é que mentres non se dean as condicións de seguridade imprescindibles non aprobaria un estado palestino. Algo que días despois da cita electoral reafirmou desta volta nunha televisión norteamericana. Desde logo non é o descubrimento da pólvora, todos saben, palestinos, israelies e comunidade internacional, que para implementar un estado palestino é condición sine qua non que a seguridade de Israel estea garantida. Nunha zona esta de Medio Oriente de caos yihadista, de estados fallidos e ao borde do colapso, o desexable e xusto establecemento dun estado palestino soberano debe ter absolutas garantias de non caer no pozo negro dos estados en conflito. E iso a día de hoxe é algo do que non hai ningunha garantia. Porque unha organización islamista radical como Hamás controla a Faixa de Gaza, unha parte do futuro estado palestino e na Cisxordania os seus activistas son rigorosamente controlados e con regulares redadas feitas polos corpos policiais da AP de Abbu Mazen e Al Fatal. Sen a cooperación de seguridade israelí tamén Cisxordania teria caido xa baixo as gadoupas de Hamás. 
Da complexidade da politica israelí da boa mostra o feito de que o lugar onde o Likud obtivo maior porcentaxe de votos foi nun pobo do Neguev e onde acadou o 77% dos votantes. E o máis chamativo desta porcentaxe é que este pobo, chamado Al Naim, é un pobo árabe beduino. 
En definitiva, pecharon as urnas. Sabemos xa que Netanyahu foi quen de gañar a todas as sondaxes e agora tócalle afrontar a esixencia de garantir a súa seguridade nunha contorna rexional hostil, lograr unha solución xusta cos palestinos e ao tempo facer fronte aos problemas propios de calquera sociedade occidental: educación, vivenda, sanidade... problemas que a pesar da boa saúde económica israelí son os problemas do día a día do cidadán. E non debe esquecer Netanyahu que a esquerda sionista do renovado Laborismo de Isaac Herzog conseguiu un bo resultado con 24 escanos cando desde o ano 1990 o laborismo non superara a barreira dos 20 deputados. 
E non quero rematar sen facer mención aun feito demoledor para os difamadores compulsivos de Israel que teiman ate o absurdo en denominar a sociedade israelí de “estado de apartheid”. A terceira forza no Parlamento israelí, é a Lista Árabe Unida con 13 deputados. Curioso “apartheid” este, que da igualdade de dereitos de voto e de representación aos seus cidadáns árabes.

Te puede interesar