Opinión

A xénese do medo

O medo é un factor xenético. Nacemos, pois, con medo, pero de tal estado extranímico, non sabemos a causa, e xeramos, síntomas incesantes, distintos, pero nunca distantes. Adán tiña medo de ca súa febleza constituíse unha certeza tan inútil como patolóxica. Aforcouse pendurándose da ponla dun ameneiro, ao pé do río Síluro, un afluente do Sil aló na Queiroga de abaixo, regato que aproveitou ata máis non dar a desaparecida FENOSA, que digan o que digan os historiadores do fascismo, xamais foi galega, pero aproveitouse de Galicia para construír a súa infamia. Castrelo de Miño, Os Peares, As Cunchas, Portomarín, e outras xeografías da nación negada, non son máis que unha variada nomenclatura aínda hoxe en día mal contada polos ‘asimilados’ demócratas españois ‘tinguidos’ ad hoc dun galeguismo tan espúreo como putañeiro. O medo entón, non é tan libre como adoita pronunciar non exenta de estoicismo lacónico a estulticia universal, non ho! Se o medo fose libre deixaría de existir a concepción inútil do absurdo, e individuos tan deleznabeis como os homínidos subscritos per se á banca e a bolsa deixarían de existir. A que tes medo? –preguntoulle unha tarde das termópilas de Vilachá un taberneiro de oficio a un oráculo da loxia usuraria apelidado Alpide.

Téñolle medo ao medo, respostou confuso o oráculo da usura. En Vigo, para non irmos máis lonxe do requerido polas ‘autoridades compententes’ nas materias máis grises e sinistras da historia universal da infamia, os ‘corchetes’ municipais cachean a uns pobres trapicheiros que decote sofren as desgrazas da historia, e deixan pasar libres de sospeita a calquera delincuente aderezado de tamburini e fino tafilete, por non dicir armani, para que logo digan os parasimpáticos que o hábito non fai ao monxe. Fíxense vostedes nas fotos ca imprensa ‘seria’ dá nas páxinas amarelecidas en papel reciclado dos ministros económicos europeos, incluído o español Luis de Guindos. A este paso, o gobernador actual do Banco de España (digo ben?) non dá nin da nin para unha tristeira foto, pois semella el un ‘bandido’ de Serra Morena dos filmes de posguerra. Vexo pasar unha mímese de Franco polas rúas avoltas de Pontevedra. En Madrid, as pantasmas pasean tristeiras e afundidas de fazulas en memoria heroica, mentres o ex rexistrador de inútiles propiedades é ‘captado’ cal un ‘san Juan de la Cruz’ indiferente polos ‘obxectivos’ dos fotógrafos que exercen na ‘Corte y Villa’.

Nacemos con medo, e nos grandes laboratorios do imperio non son os señores da vida e da morte quen de elaborar unha vacina ou antídoto que nos faga máis doada a existencia. Rodrigo Rato, un señorito da mariña luguesa nas tardes de verán e oprobio, foi indemnizado debidamente por lle dar o ego te absolvo a Bankia. Paga a España de a pé e pobre peto. A burguesía galega, menos incerta, deixou de montar casas de lenocinio e montes de piedade. Que medo!

Te puede interesar