Opinión

Xa é a institucionalización da miseria?

Non só pechan as tabernas, as cafetarías e o comercio-ficción do pútrido estado de benestar, non; pechan tamén, por exemplo, as catro paredes do centro de saúde da Graña, que atendía aos veciños de Brión, San Filipe e Cabana, no Ferrol, adscrito á ‘grandeza’ apócrifa do Sergas en mans do PP. Poden os veciños de alí ir de consulta e morte a Serantes, un centro de saúde novo, tan aséptico como obsceno. Galicia (ou se queren Galiza) segue desartellada nos profundos do seu ser. O PP de aquí reproduce en pequena escada chulesca e mesetaria, a teoría do fracaso e a dúbida hamletiana que hoxe en día representan algúns homes e mulleres adscritos a un ‘nacionalismo’ dunha España diversa e nunca aínda, para comezar, un Estado plurinacional, federal e republicano. De médicos con medo e covardes non se pode agardar nada, como non se pode esperar ren de moitos dos docentes galegos vendidos ao ouro ruín dos explotadores. Pero no Estado español vixente, no status autonómico, a ladroería internacional vai ‘de rositas’ á mantenta, e aínda a xustiza española, que alguns ‘capos’ queren confundir adrede coa lei, en ‘media-pensión’ de oficio e beneficio, solicitan escote xeneroso para o señor Urdangarin e para a súa esposa Cristina, ou se o desexan dona Cristina. É democrático, logo do exposto, que en democracia o matrimonio Urdangarín-Borbón teña un trato de favor ben distinto ao do resto dos cidadáns do Estado español? O máis curioso e magoante do affaire ‘cerúleo’ é que o xenro de El-Rei de España, a parte das ‘xenerosas’ partidas de euros-ouro que recibe do eviterno español, aínda necesita ‘dolares usa’ para mercar ‘palacetes’, pisos, garaxes, carros, servintes, etc. Nunha palabra, ‘vivir a corpo de rei’, que se di, e nunca mellor/peor dito pois o propio rei Juan Carlos sabe, ou debería saber, a democracia e a antítese antagónica da monarquía que el representa. Pero o peor de todo, é que a ‘elocuente’ e mesmo ‘ambigua’ Constitución española, abeira semellante disparate, co federalismo de ‘pacotilla’ do PSOE, e co transversalismo patético do PP, sempre nacionalista español máis que calquera outra cousa a saber.

Inverter en cultura é un mal negocio, palabra esta última que deploro. E unha diplomatura en ‘altos negocios’, téñena todos os grandes ignorantes españois, e abofé que non son poucos, pero nunca tantos nin tan poucos como os que día a día engordan para unha morte natural e indolora as listaxes do paro, para recoller ou non cobrar esmolas por debaixo do umbral que non da urdime ou arañeira da pobreza da España protofascista, “unidad de destino en lo universal’. No se convocan oposicións para exercicio da docencia, pero si para aumentar os efectivos das forzas represivas e/ou suasorias. Sempre cambiado de muiñeiro, pero non de ladrón, contaba decote a velliña do tute cabrón da vida.

Para esta fin de semana, os meteorólogos do imperio, anuncian as choivas devecidas, e os inocentes, como no poema de Kavafis, ai, agardando inutilmente aos bárbaros. El non é así?

Te puede interesar