Opinión

Viaxe e memoria cara o inverno

Na casa de Sigüeiro, cabo do Tambre, entre os ameneiros, leo a obra de Xurxo Martínez González, cuxa lectura recomendo: ‘Luís Soto. A xeira pola unidade galego’. É un libro intenso e aclaratorio dos anos de frío ferro, coas fraghas comestas pola matogheira de 1936, dos últimos trinta anos das nosas vidas. Eis o Estado español que se nega a desprenderse das adherencias fascistas e por engádega totalitarias: “unidad de destino en lo universal”, “unidad sagrada e indisoluble de la patria”. Só a barbarie capitalista usa os sintagmas da ignorancia e a violencia para beneficio de si mesmo, e dentro desta Europa e mundo de mercaderes e mercados. Pénseno ben: só o ‘socialismo real’ é democracia e liberdade; o adxectivos podres e esfarelados cos cales quere argüír o neoliberalismo e a social-democracia, non son máis que un insulto á intelixencia.

Que se pode, xa que logo, agardar da democracia burguesa que vivimos…? Nada que non sexa a usura, o latrocinio e a explotación do home e dos recursos naturais dos pobos. Portugal e Grecia, aceptan que polo seu ‘rescate’ paguen o 50% de interese. Que é logo, a usura? Neste senso, o código penal español e burgués está detido na metade do século XIX; sobre o descaro do ‘roubo’ non se lexisla.

Que solicitan os novos patriotas de aquí e de acolá? Todo canto é perxudicial para os ‘asalariados’ so pretexto de crear (mísero) emprego. Suprimir en medicina e ensino (poñamos por caso) e aumentar os efectivos de ‘forzas’ represivas; incrementar as mercadorias militares para substraer petróleo, gas, enerxía hidráulica, eólica, e outros bens, en ben escaso beneficio do pobo, e inmensas arcas cheas de dólares USA e ouro euros que van parar da hidra capitalista para ela poder seguir coa explotación de montes e moreas. Quo vadis, homes e mulleres cos soños destruídos estes camiños que nos levan ao inverno sen fronteiras?

‘No niño novo do vento’ cunqueiriano, a pombra de branca da inocencia e o amor, foi asesinada. Os mercados ollan para a outra banda que foi o río, este tempo sen tempo.

Te puede interesar