Opinión

Vésperas de algo

Todos os días son vésperas de algo, escribo este domingo último de abril do ano en curso. Estamos zarrados pola vida, na historia, non constitúe ningunha obviedade que mañá sexa primeiro de maio, ‘festa’,se cadra, da exaltación da primavera, do traballo. O que moitos de vostedes leron nantronte de Cándido Méndez, a propósito desta data, si que é unha tautoloxia, que o xornal de maior tirada e difusión do Estado español publica para amosar o ‘santo-sacro’ das liberdades da democracia burguesa emparellada co capitalismo. Todo e tan obvio e redundante, que mesmo esta ‘luz de mediodía’ que vagamente me inspira, ai! –podería resultar, canto menos, innecesaria. Aí vén o maio de flores coberto! – e os seres da praza terreira de Luíntra, pousada a memoria na xeografía de Nogueira de Ramuín, lembrarán outros maios dende 1936 ata aquí.

Desgrazadamente (ou afortunadamente?), tamén o sistema de valores dominante, inclúe no seu almanaque tal día como este primeiro de maio, aínda ca diversidade sindical manifesta sexa distante pero non distinta entre si. O fascismo residual que enarborou o criminoso réxime do xeneral Franco, nin coa súa patética mímese, suxacente e avolta, cecais na mínima memoria de moitos de vostedes: ‘San José Obrero’, ‘Fiesta del Trabajo’. Un Lugo tristeiro e ‘sacramental’ revólveseme na febre sentimental da Ronda, cabo da sucursal do ‘Gómez de Castro’, de Lugo a Vigo, pasando por Guntín, Monterroso, Antas de Ulla, Lalín, Cerdedo, todo o Candán habido e habitado…

O 25 de xullo de hai uns cantos anos, o detrito policial fascista mandou deter –leve e aleve- ao amigo recentemente falecido Xaime Isla Couto… Qué aceda ironía a ignorancia que aínda persiste na máis que aparente democracia, despois de chegar da estrema de África un dos Borbóns da ‘España negra’ que non ‘retrataron’ nin Francisco de Goya, nin Gutiérrez Solana, algo que ignoran, poñamos por caso, dous dos ‘grandes’ alcaldes ‘socialistas’ da negada nación galega: Lugo e Vigo. ‘Miracíes, ese casarío, é un ‘fito fascista’, senón ilegal, si inmoral, como todo o ‘entorno’ ergueito arredor do antigo hospital municipal.

Nada do que se escribe aquí é un pretexto, nin moito menos un circunloquío ou digresión; se acaso anacos da historia fragmentada. Asóllense felices neste 1º de Maio de 2012. De vello vén o dito que a esperanza é o último que se perde.

Te puede interesar