Opinión

OS SOÑOS

Quevedo escribiu un feixe de páxinas cun título semellante, pero non era máis que un burgués, poeta, atormentado, estoico. Sigmund Freud interpretou, non menos aflixido, o enunciado. Franco, a quen aínda recordo vivo e xustificando o seu pasado criminoso, morreu 'tranquilamente' na cama. O pazo do Pardo é un lugar sinistro onde todas as tardes da súa vida non deixaba de asinar sentenzas de morte. A última, que eu saiba, foi a de Salvador Puig Antich. Cando mandou matar a Julián Grimau, Fraga Iribarne era ministro de Información y Turismo do Estado/goberno español cuxo xefe sanguinario viña ser o xeneralísimo Franco, 'Caudillo de España por la Gracia de Dios' , como así figuraba nas 'rubias' fabricadas pola FNMT (Fábrica Nacional de Moneda y Timbre), algo que desapareceu dos libros de historia do Estado posfranquista e autonómico, incluída a Comunidade de Madrid, 'Villa y Corte', na que pincha e corta a neoliberal dereitosa Esperanza Aguirre. 'Hai que olvidar; enterrar para siempre el pasado'. Unha oración subordinada e colixida.


Así naceron os últimos españois aquí e acolá, 'mamad@s' de patriotismo barato, de 'rebaixas' institucionalizadas, nas que fai cola, mutatis mutandis, a desherdanza do pútrido imperio. Dorme, meu neno, dorme; non abras os ollos a este medo antigo que sempre nos retorna a ningures...


Son da casca amargue e pertenzo á historia debelada, contaba un vello republicano galego nas sombras da rúa Real de Vigo. Isto é algo máis ca aldea que ti pronunciabas aqueles invernos en Compostela, aprendendo dereito burgués, consuetudinario, natural? As maiúsculas, as máis das xeiras, resultan un luxo innecesario, baladí, fútil.


Pechan os locais dos pequenos tendeiros do tedio. O señor Gayoso e outros máis están acusados de 'inmorais' polos 'servizos fiscais' do esperpento que entre outr@s defende Mariano Rajoy. Xamais faltaron fripóns para tan inútil comedia!


Os soños, ai os soños! Jung é a estafa da psicanálise. Freud, a realidade, a dor.


Pero inmoralidade e deslealdade en ningún caso constitúen delito que contemple o código penal español, atrabiliario e burgués. Despois de todo, o credo, actúa no ámbito do privado/público. Circunstancia e contradición. Ando sen querer andar, ou 'vivo sin vivir en mi/ y tan alta vida espero/que muero porque no muero'. Poñan vostedes Teresa de Jesús ou Juan de la Cruz. Tanto ten. Acaso non é, despois de todo e nada, o que dixeron entre outr@s, o rei de España (despois da cacería en África); Urdangarin, Camps, Carlos Dívar??


Ser ladrón e favorecer co roubo ás vítimas é, entre outras, condición indispensábel para saír en calquera 'serie' da TV. Para ben e para mal. É a España plural, 'democrática' e fedorenta.


Velaí o fútbol campión, algo máis que opio, que panem et circenses. Mortos e alienados. Alienados e mortos.


Calderón pasea derrotado polas noites pechas da Alcarria. Góngora reescribe 'la soledad segunda' en Pontevedra. A vida é soño, quimera, escribo desde a quincalla da ánima maldita.


Quen pode dar máis por tan pouco?


Gaña España. Quén perde? Trescentos mil euros para cada xogador da selección. O ceo está aí. Que importa que non teñamos onde caer tan sequera mortos?


Te puede interesar