Opinión

Segunda epístola na primavera

O revisionismo é o que ten. Para entendérmonos. Franco un xeneral turbio e torvo cuxa ‘carreira’ militar foi apadriñada por un rei demediado e abxecto, cal foi o caso de Alfonso XIII, ten unha nova entrada no dicionario biográfico español, amasiñado e cociñado por toda a estulticia, que non é pouca; pero máis que estolidez ou ignorancia é reaccionarismo, fascismo ás secas. O franquismo, xa que logo, inoculou e inocula ata o día de hoxe a España e as súas clases dirixentes. Non se esqueza que as Cortes franquistas españolas, ‘comandadas’ polo fascista Alejandro Rodríguez de Valcárcel, proclamaron rei a Juan Carlos I, actual xefe do Estado. Unha monarquía ‘democrática’ e parlamentar. Por máis encaixes a doas que intente facer o ‘dereito burgués’, se se me permite expresión, é imposíbel e mesmo fútil conxugar democracia-monarquía, por seren entre si antagónicos ambos dous conceptos, aínda reducida o segundo enunciado á mínima expresión/acción, e en ‘esencia legal’ desposuída aquela do carácter absolutista histórico que lle ‘é propio a calquera monarquía’, un anacronismo que aínda subsiste neste disparatado século XXI que nos fan ‘consumir’. O dereito burgués (constitucionalista español) intenta perpetuar sine die, as prebendas e prerrogativas reais, aludindo a ámbitos privados, e dualidades delirantes, cando non atomizacións. Como pode un suxeito/cousa ser e a un mesmo tempo non ser? Para admitir semellantes disparetes, non abondaría con proxectarmos ao terreo do ontolóxico, do metafísico, da elucubración escatolóxica. Exposto así o que precede, non é difícil comprender o revisionismo, e polo tanto o discurso pseudorreformista de Mariano Rajoy, así como de todos os seus ministros no abano que os indique, de traballo a sanidade e ou educación, strictu senso. Inxectarlle ‘ouro público’ ao sistema finaceiro español (privado), non só constitúe un dislate, senón unha inmoralidade que o dereito burgués non se atreve a cualificar (tipificar) como delito, como ‘crime’ tamén é a usura (estafa máis que moral) que pratican a eito as casas usurarias con nomenclaturas de todos coñecidas, do FMI/BM/BCE para abaixo, en toda a UE. A aceda ironía é que a ese público erario do que falamos, tamén paga gabelas os máis desposuídos do planeta, cando fan un acto de mínimo consumo nunca ignorado por ninguén. É público e notorio que a ladroería non paga tributos, senón que os impón.

Epítome sabática: a UE (que ironía!) non ten confianza no sistema finaceiro español. Prover de cartos públicos a Bankia, o goberno de España, ai!- nun acto ‘socialista’ que denuncia en Arxentina, Bolivia, etc. ‘Nacionalizan’ o disparate, é dicir: socializan as perdas e privatizan os beneficios. Cal é a lectura, que fai a ‘caverna’ española, galega por engádega? “Hasta luego, Lucas”, din o ‘neocastizos’, ollando a hora e o día que marca o ‘peluco’.

Algo semellante fixo, ao noso entender, o outrora ministro español Rodrigo Rato, presentado a dimisión para non ‘entorpecer’ os arranxos ou apaños, e así aqueloutrar a súa vida e obra, recomendando ao señor Goirigolzarri, ‘un home da casa’, para dignificar o memento.

Alta primavera na memoria ferida do poeta Luís Pimentel. Ábrelle a porta ao día, escribiu puntual o noso bo amigo Darío Xohán Cabana. Cae lizgaira sobre nós-outros a neve rosada das mazairas, aquela tarde de novembro, con Pura e Dora Vázquez, no Couto, intempo de Ourense.

Te puede interesar