Opinión

QUILÓMETRO CERO

Un sábado calquera, cecais, este mesmo que se aproxima na distancia tan imposíbel como inútil de xuño, irei beiral do Miño, polas Caldelas de Tui, Guillarei e Salvaterra, á Praza Maior de Ourense, ao casarío que foi enxergo da usura, para non escribir ningún epifonema, e recrear a canseira da pupila nos lenzos de Virxilio, sen deixar de me lembrar dos lonxanos mediodías de Camelias Street nun Vigo recorrente e recorrido. 'Ollo rapaza, non me pise-lo viño!'. 'Ti, cando mozo, mitábaslle a Arthur Miller, non é? ?díxolle Méndez Ferrín, e o artista sorriu amábel. A derradeira vez en Vigo presentou escenas estáticas de jazz, do intempo de Alemaña. Tal vez, cecais, digo, desque sei tanto coma vostedes do punto baleiro da vida e a morte, pousados os zapatos, que non os pés, no quilómetro cero no que escribo. Recibo un correo de Begoña Caamaño, na transposición da selva de Esmelle. Somérxome na lectura do memorando sentimental de Morgana. Cunqueiro non está en todo. A intertextualidade tan só é un pretexto, do mesmo xeito que Celso Emilio Ferreiro gorécese en Lope de Vega: 'os mortos que vós matades gozan de boa saúde'. Antano, Mourigade tamén era unha fraga, cabo de varios regatos devorados pola especulación fascista, garfo da barbarie capitalista que de antigo nos asola, coa licenza da democracia (burguesa) alternativa da dereita posfranquista (hoxe no goberno) e pútrida social-democracia, á que obscenamente están subscritos moitos dos alcaldes dos concellos galegos. Ser libre, funambulista, vivir no gume da navalla; procurar a felicidade no ermo definido, abandonado. Na polisemia, diplomático e hipócrita significan o mesmo, sen retorcer moito a sinonimia. Do CGPJ español e do seu presidente Carlos Dívar que falen eles.


'Cristo nos pucheiros', expresión que se mal non recordo atribúen á mística española Teresa de Jesús, pero as cazolas atomízanse moito máis alá do significado e o significante. Eis a 'exaltación' procaz do paradoxo, do oxímoro.


Factores de rendabilidade. É así como se miden as cousas na vida. A mensura desaparece coa morte. Pechan (privatizan) a seguridade social española, porque non é 'rentable'. Poñan vostedes os exemplos máis contiguos que teñan a man. É redíbel manter aberto o Museo del Prado, o Louvre; as universidades en xeral; os IES, as forzas públicas de seguridade adscritas ao Estado español e ás dúas 'nacionalidades históricas'; é rendíbel, escribo, outra 'versión' da 'economía' (termo de orixe relixiosa)?? Non; evidentemente non, para todo 'altruísmo' dos pequenos, medianos e grandes empresarios multinacionais, ou daqueles pequenos patronos vencellados á 'esencia' do espolio sen fronteiras. A clase obreira é unha patoloxía 'necesaria', a extinguir, na dimensión na que a ciencia ao servizo dos grandes matadoiros do imperio, non batan con outro xeito de explotación do home polo home.


Falaremos máis, se cadra, ao regreso de Ourense, xa zarrada a última hora deste mércores.


Post scriptum. Panem et circenses. O Celta está en primeira; tamén o Deportivo. A ver se tamén sobe o CD Lugo, ho! A febre do vivir, retórname á infancia arrebatada.


Te puede interesar