Opinión

Nacionalidades históricas

No seu liminar ou pórtico ‘renacentista’, a Constitución española, se vostedes reparan co mínimo rigor filolóxico, sintáctico, semántico, e outros ‘accidentes’ im-pro-pios da gramática de Nebrija devida no actual español de aquí e as variantes de alén mar, se reparan, digo, observarán unha serie de vaguidades e obsolescencias máis propias da estulticia e a mediocridade que de avantaxados ex alumnos e agora profesores titulares, ou catedráticos, en calquera materia das nosas universidades peripatéticas ou –se queren- metafísicas. O que digo só atinxe en mínima medida a unha parte do profesorado, e a uns educandos tan desnortados, canto máis atrosmados. As condicións sui generis e mutatis mutandis, son ‘circunstancias’ inherentes ao sistema imperante sobre cuxas bases aséntase a barbarie capitalista, percibida ou non, polos administradores da miseria e da gran riqueza de recursos de todo tipo arrebatados ao pobo, no senso menos abstracto que a ‘cidadanía’ pequenoburguesa de ‘clases medias’ máis ou menos acomodadas e acomodaticias négase a entender. Así, o medo é sempre máis libre ca propia liberdade, que permanece cativa nos ergástulos da incultura/sub-cultura manexada ao antollo dunha grea variopinta de banqueiros, logreiros, tendeiros do tedio, gachupines (na definición de Valle-Inclán en Tirano Banderas), e mercaderes do oprobio, para non extendermos na relación.

Creo que estou no certo se digo que a Constitución española que ás xeiras invocan con maior ou menor fortuna, os habitantes constituídos en demografía in extremis, é un texto tan ambiguo como escuro dende o principio ata a fin, e nela pulan por ‘doquier’ graves contradicións nos termos; tantas e tan graves, que un texto que debería ser guía, fulgor e espello dos habitantes do Estado español, resulta mesmo confuso e polo tanto opaco para os ‘especialistas’, cando non ‘sabios’ ou pais (…) que o propio Tribunal Constitucional, moi ‘convenientemente’ elixido ad hoc, á hora de sancionar ou emitir sentenza, entra nun boureo propio de místicos arrebatos celestes, que máis teñen que ver coas ‘leis do mercado’ que co Dereito stricto sensu .

Daquela, debemos admitir sen preámbulos nin dúbidas, que a Constitución española, cando salienta (ou dá pé para o caso confuso) do recoñecemento a respecto das nacionalidades históricas coa súa lingua e outros feitos diferenciais, non sae do falabaratismo. Para lle tirar ferro e fogo á autoproclama constitucional, aquel ministro do primeiro goberno democrático español da UCD: Manuel Clavero Arévalo (“Copito de Nieve”), o de ‘café para todos’, a quen no seu particular ‘camiño de Damasco’ entroulle coma un proído andalucista máis próximo a Blas Infante que ao refugallo nacionalista español daquela hora… Ora pro nobis. A gauche divine calou coma un peto real. A capital do Estado, proclama aínda hoxe a Constitución española, “es la Villa de Madrid”, ad litteram, transcribo do ‘Artículo 5’.

Te puede interesar