Opinión

COMO UN MAR DE CENTEO

Na inintelixibilidade da vida e da morte, nunha estampa para recidiva da zarzuela (hai que dicir e escribir española e sempre reaccionaria), ínfimo xénero que nutríu a ignorancia franquista (fascista) aínda viva, ai!- o 'trino de seda' do merlo namorado, cuxo breve verso entre aspas silabeou o poeta coruñés Miguel González Garcés, o mesmo que inutilmente explicou anos e anos a monumental obra de Marcel Proust: À la recherche du temps perdu.


O pútrido revisionismo, por non ter xa no que pescudar, afonda na afección á zarzuela de moitos dos integrantes das Irmandades da Fala, sempre ausente de mulleres, pero non de cultos 'sarasas místicos', cuxos expoñentes máis salientábeis poderían ser o escuro Ramón Piñeiro e o misóxino Ánxel Fole, antes e despois do metafísico da saudade, de Terra Brava. La verbena de la Paloma, que un chegou a ver no cinema Gran Teatro, de Lugo, con Concha Velasco e o relambido áulico Vicente Parra. O adolescente que entón era, non sentiu nin frío nin calor co mantón de Manila, co don Hilarión, nin coa Casta, nin coa Susana, só friaxe e indiferenza que agora recorda daqueles anos do nacional-catolicismo, por desgraza, aínda vixente, como o propio fascismo e a estrema-dereita que se pasea tan funabulista como mediocre e ignorante polas espúrias fileiras da pútrida e mesmo desaparecida esquerda. Jean-Claude Juncker, un presunto trileiro da UE, fai un aceno 'zarzueleiro' co señorito español e ministro do PP Luis de Guindos, un 'sabio' onde os houber, á mantenta e salario do presidente español Mariano Rajoy. 'Aumentamos o déficit para 2012'. 'Crearemos emprego e traballo'. Os ladróns institucionalizados solicitan 'delicados' máis euros/dolares/ouro ao mal chamado erario público español. Acaso non é terrorismo amasigar unha fortuna de 37000 (máis ou menos) millóns de euros? Non é terrorismo que do rei para abaixo a estafa ao pobo traballador se multiplique, e que o libre despido se abarate?? Trapero Pardo, un reaccionario católico que eu chegue a coñecer en Lugo, tamén gustaba da zarzuela, e mesmo chegou a lle propoñer música das súas banalidades ao musicólogo Bal y Gay.


López Orozco, un 'social-demócrata' simpático, alcalde de Lugo, ex seminarista e logo profesor de filosofía en Vetusta, e despois Lucus Augusti, explica agora as licenzas concedidas ao empresario Dorribo, un personaxe abruto de Papipi. Non é, cabo de todo, unha zarzuela, La casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín. Do mesmo e menor xénero ten moito case toda a obra do admirado Wenceslao Fernández Flórez, e sobre todo, El bosque animado, que malia que lles pese a moitos, ten moi pouco ou nada que ver coa pasada e a actual fraga de Cecebre. Por certo, o rebelde senecto-selecto, máis que revolucionario Tierno Galván, alcalde que foi de Madrid, 'Villa Corte', resucitou o Madrid galdosiano e tristeiro. Pasaba un a rentes da 'Escuela de Bellas Artes San Fernando' e a Porta de Alcalá, anoitecida, metía medo.


Maruxa, tamén é o título dunha zarzuela 'galega' absurda, máis que deleznábel, cuxa letra foi obra de Luis Pascual de Frutos, e música ad hoc de Amadeo Vives. Este mencer escoitei o trino do merlo en Mourigade. O señor Swan estaba como ausente, fóra de si.


Un preludio de patética primavera anuncia as novas rebaixas da miseria. Mariano Rajoy e Núñez Feijóo gobernan como 'Deus manda'. Madia leva!


A velliña do tute cabrón da vida observa as estampas do pasado indiferente no que foi Praza de la Era, aló en Santa María del Páramo. As almas dos ladróns establecen a estratexia do terror, marean a perdiz.

Te puede interesar