Opinión

Ir e vir

Ir e vir é a tristeira ocupación de moitísima xente do Estado monárquico, delirante e democrático español. Son, cabo de todo, ‘estampas mundanas’ que dirían os poetas non integrados no romancero nacional-católico hispano. O transversalismo político, substituíu definitivo, mediocre e patético ao ‘centrismo’ tránsfuga, inexistente e efémero que mesmo defendeu o senecto (ex) comunista Santiago Carrillo, amigo do xa morto ex ministro do franquismo xenocida e posteriormente presidente de ‘maiorías absolutas’ da Comunidade autónoma-eremitoria galega, a mesma que hoxe rexe Núñez Feijóo. A molicie, adxectivación da que tanto gustaba o vasco-español Miguel de Unamuno, é a traxico-cómica definición da vella e desaparecida Europa, engolida polos mercaderes de oficio e beneficio, con ou sen titulación académica e/ou universitaria. O Gaudeamos igitur, non deixa de ser unha mentira ‘piadosa’, aséptica, cruel e involucionaria. De brevitate vitae, tanto ten, entre tanta infamia e tanta mentira de máis dun millón de Goebels clonados en milleiros de grandes superficies e matodoiros do imperio. Coa señardade da debelación pode contemplar agora a indignación idiota aquela Primavera Árabe xerada polo paraíso capitalista ianqui, paradigma que agora reproduce a China que foi maoísta, e agora, desvergoñada e ignorante, está entregada e derrotada polas poutas dos tafures que insolentes aínda se fan chamar comunistas. Movémonos entre o riso e o noxo. Discretas fronteiras semoventes, vagalumes, vermes de vaga luz inprecisa, indecisa. É o que hai! –exclama resignada a boneca cuxa antiga e fugaz beleza vive os derradeiros días dunha Pompeia estremecida e falsaria, invento da historiografía ‘oficial’, canónica e cabrona. É o que hai!- bradan os pusilánimes hipócritas, os ladróns de branca luva, banqueiros e trileiros, sindicalistas do tedio. ‘Son rostros que sueñan pasmos en la niebla’, versificou o poeta español German Bleiberg que outrora citaba o Torrente Ballester posfascista e social-demócrata, como o tamén morto Dionisio Ridruejo. Agora a social-democracia baila nas mans cutres e inexpresivas do áulico Urdangarin, xenro do rei de España, aínda ‘elocuente’ “unidad de destino en lo universal”, que oculta, nun pacifismo proxeneta, a “dialéctica (joseantoniana, logo fascista) de los puños y las pistolas”. Ir e vir, intitulo esta columna, mentres leo que o ‘altruísmo’ capitalista representado por Endesa (a das Pontes) que todos coñecemos, cre necesario co recibo da luz suba arredor do 15/20% nos próximos dous anos ‘triunfais’ de Mariano Rajoy e a súa democrática ‘asociación de veciños de España’, incluída Galicia, Euskadi e Catalunya. Os parados non son máis que unha ficción dos pesadelos da razón, a xerar monstruos domésticos, sacros, familiares. Dixen Endesa, si, a mesma que acolleu con ‘agarimo’ e contrato blindado á ex ministra do PSOE Elena Salgado, pola súa evidente “formación industrial”, explica un alto verdugo adscrito á infamia do espolio. Endesa, a mesma que foi acusada de xenocidio contra a comunicade mapuche, no Chile abandonado e entregado á rapina dos explotadores, dos usureiros. Fan presas, represas, encoros, igual que aquí fixo no seu día a hoste ruín de Pedro Barrié de la Maza, Conde de FENOSA, un título que lle outorgou o xeneral xenocida Francisco Franco. Ir e ir, e pouco máis, non é?

Nos camiños de ferro do Vigo que foi, os máis ‘exquisitos cadáveres’ do lugar, agardan ‘inasequibeis ao desalento’ a chegada do AVE. Un tufo de primavera serodia e murcha fai spleen nos arrabaldes da cidade.


Te puede interesar