Opinión

'Greve geral'

John Rutherford, profesor en Oxford, amigo de nós-outros, xunto co caro compañeiro Manuel Rivas, leron onte o seu discurso de ingreso, proclamados doutores honoris causa pola Universidade da Coruña: sed fugit interea fugit irreparabile tempus. Virgilio, nas Geórgicas. O tempo voa, meu ben, díxome Medea de Meder no decurso dun mediodía das nosas vidas no restaurante Montesol, nas Neves do Condado. Nas fotos, aínda non amarelecidas polo barol indiferente dos días, Francisco Fernández del Riego, Eliseo Alonso, Xela Arias, Méndez Ferrín, Alonso Fontán, Alonso Montero, Gonzalo Araúxo, Fernández de la Vega, Camiño Noia, un mesmo. Hai outras Neves, aló no norte, na Capela, camiño das Pontes onde unha daquelas tardes, sen Taireixa, e sen ‘caligrafía dos soños’, falamos ti e máis eu da nación incesante, por máis que España e os españois, ollen ensimesmados ou envisos, cara a outra banda oculta da corda do Xiltral, atravesada polo Eume, un dos ríos devorados pola infamante cobiza do capitalismo (para que engadir depredador?). Queima a xuventude revolucionaria que foi, un contenedor sublimado pola obscenidade do fascismo, e os ‘libertos’, ignorantes da súa maldita condición, poñen o berro no ceo: ‘Vandalismo selvaxe!’. A ti, tristeira personaxe deste esperpento que oras e laboras nos grandes matadoiros do imperio, quéimanche a propia propia vida, un día si e outro tamén, e non dis ren. Maldeces a calquera organización sindical obreira, proletaria, e ignoras os casinos do explotador, poñamos por caso a CEOE, cos debidos respectos.

Eu caseime por un ano,/ por saber que vida era/ (laiábase femme en fleur: voz quebrada, ausente…) Agora o ano vai pasando/solteiriña quen me dera!”. A UVigo, investíu honoris causa ao ex director xeral (ou non é así?) e a un dos directivos dunha multinacional do automóbil en Galicia. Toda a ‘UV’ ignora os seus méritos académicos, intelectuais, pero calaron coma petos, incluído o propio reitor. Ninguén quere poñer en dúbida o valor moral de calquera outr@ investid@. Coa voz pequena, a insidia fascista, menos oculta do que moit@s cren, critica, indecente, o nomeamento dos meus compañeiros Manuel Rivas e John Rutherford. ‘Anda resalá, resalada/ límpiate con mi pañuelo/que lo lavaré mañana/en el río de la Oliva/donde corre el agua clara”.

Servizos mínimos, militaricemos, como fixo o goberno socialista do desaparecido Rodríguez Zapatero, como farán os alcaldes que vagamente representan á social-democracia na nación galega, aos pobres sen sombra, con coto ou muñón alá onde foi man; con raia infame aquí onde foi boca devecente, devecida.

Será a greve geral, (folga xeral) un pesadelo da burguesía? Preguntareillo ao doctor Freud cando fale con el, á hora do angelus, en Camelias Street; en Vigo, fóra do sagrado, agardando outra volta a Martin Codax.

A momia de Franco, nos bosques de El Pardo, carabina en man luxada, agarda criminosa o paso inocente do cervo namorado.

O mundo global aplaude a escena onírica, máis que un dicir.

Te puede interesar