Opinión

Gabelas simbólicas

As casas usurarias á deriva, pero sempre menos que o proletariado e a servidume á que explotan coa aquiescencia dos ‘democráticos’ gobernos europeos, entre eles o do Estado español, por cínica unanimidade tan miserábel como delirante, deciden incrementar en euros/ouro as súas ‘comisións’ polos servizos ‘prestados’ aos inevitábeis usuarios, entre os cales, sen lugar a dúbidas, estarán moitos (os máis de vostedes). O Banco de España que ‘comanda’ o aséptico Fernández Ordóñez, tan precario e finchado como o defunto de Mariano Rubio, olla vizoso e cobizoso para a outra banda do río Manzanares, Madrid ‘Villa y Corte’. Tal que escribimos amosa o que vimos expondo decote neste ‘Mar de Fóra’ que dende Fisterra escribimos: As autonomías españolas non son máis que unha cerimonia litúrxica na estolidez da social-democracia que manexan, de esquerda a dereita, o PSOE, co nacionalista español Felipe González escribindo vacuidades ex cátedra a que acolle con excesiva complicidade o xornal de maior tirada do status quo. A seguido, o PP arestora no goberno, onde Mariano Rajoy ‘promete’ reformas (recortes) cada venres ou cada mércores, como cando un era un adolescente aló nun Lugo tristeiro e gris, e no desaparecido ‘Gran Teatro’ puñan películas do Oeste americano, con Gary Cooper en ningún ceo, malia o que del imaxinou a coitadiña de Pilar Miró, a quen botaran da dirección de TVE por unha ducia de tangas de fina seda chinesa; unha bagatela comparada cos derroches e beneficios colixidos de hoxe en día, dende Urdangarin aos centos de ‘asasinos’ financeiros da UE con legacións na versátil democracia española, onde según a Constitución ‘todos los españoles son iguales ante la ley’; pero a mesma ‘carta magna’, como paradigma de ambigüidade e dislate, aclara que ‘la persona del Rey es inviolable’.

Así as cousas, o desemprego tivo un descenso ledo e leve en abril, porque a hostelería doulle emprego procesional a unha presada de ‘españois’ que baixo ningún concepto poden emigrar a Eldorado europeo que outrora soñaban os avós gobernados polo fascismo franquista que aínda segue vivo nas estruturas do poder, como o outro día manifestaba nun ‘colorín’ dominical Nicolás Sánchez Albornoz, fillo do historiador Claudio Sánchez Albornoz, quen tantos e tan bos traballos fixo sobre a Alta Idade Media en Galicia. Lástima que non fose don Claudio quen de desbotar da súa cabeciña a batalla de Covadonga onde se iniciou, cecais, toda a historiografía oficial española. No mesmo pau, pero á inversa, andou don Américo Castro, sogro do pseudofilósofo español Zaragüeta, que escribiu moitas das súas ‘iluminarias’ na curiosidade monárquica do ABC madrileño.

O boureo persiste, como as gabelas simbólicas do enunciado. Dende o sartego infame do ‘Valle de los Caídos’, a momia sorrí, mentres agarda a cegada da xente do partido no goberno para o levar ao bosque do Pardo. Os camiños da liberdade proseguen aprazados sine die. Amén.

Te puede interesar