Opinión

QUE FOI DA PRIMAVERA?

Onte comezou outra primavera nas nosas vidas, sui generis, para non confurdirmos con outras liñas do imaxinario, con e sen horizonte que levar á boca comesta pola indignación de non ser máis que terra nutricia da falacia capitalista. Nesta xeralización que digo, nada hai de escolástica, pretenciosa e sempre banal, unha miserábel conduta dese proxecto frustrado de home para xustificar a infamia, a absurda teoría da inevitabilidade. 'Hagamos, Sancho, pelillos a la mar', díxolle Don Quixote á necidade que entón e agora representa España. Por que se asombrar desta ladroeira do actual status monárquico sostido por unha constitución que fixo nacer o delirio e o estertor fascista do continuísmo como teoría da inevitabilidade que dicimos?


Hai quen dea máis por tan pouco? Nin o 'ínclito' banqueiro Emilio Botín disfrutou tanto nese mar avolto que comanda con outros da súa grea. Que importa o nome, despois de todo e nada? Abenzoado sexa o iluminado ladrón que dirixe cara a ficción do norte este rabaño de ovellas mutiladas nestoutra era do capitalismo e a im-piedade relixiosa, teocrática. Alea iacta est. A Primavera árabe, por exemplo, non foi máis que unha bagatela elaborada polo paraíso infame da democracia e a liberdade prostituída. A locución latina que tantas veces temos recordado, saíu da boca de César despois de cruzar o río Rubicón, e contan que a oración foi pronunciada en grego, a propósito dun verso de Menandro. Nada pode garantir que fose certa a 'cuita', escribiría Valle-Inclán no esplendor das súa prosa , algo que non sabe, e polo tanto non pode recordar, esa procesión de mediocres instalada no poder, aquí, autonomía galega, vulgar e dual, que non foi quen de modificar esa 'Máis Galiza' (non é?), esluída cando non extraviada polo seu mentor, o profesor de dereito administrativo (que é iso?) Carlos Aymerich; e moito dubido do sentimentalismo revolucionario do meu amigo Xosé Manuel Beiras.


Recibe un meu amigo 'carta-aviso' da Facenda de Galicia, despois de ser desafiuciado pola usura non 'contemplada', alomenos, no Código Penal español, nin a ambigüidade e aparente constitucionalidade española, coa que tanto se empoleiran os demócratas de laboratorio, fillos á mantenta dos grandes matadoiros do imperio, marulos endomingados cheos da 'gomina' que levou ao banqueiro Mario Conde a escribir as mesmas obviedades que os 'grandes novelistas' da nova narrativa española, non galega, dende logo.


É, pois, primavera, a case todos os efectos. Persoalmente invádeme non sei que ledicia de ser e estar, de saberme na reciprocidade dos ríos que veñen e van. Ouh sorpresa o mundo que habitamos e a un tempo nos habita.


Cambiarán, coma sempre, a hora, semella xusto, pero non deixo de recordar con antiga carraxe o terror dos domingos e demáis festa de estrea e garda. Un milleiro de virxes inventadas chorará pola morte do fillo ata o día da resurrección compartillada, e vulgaridade dos mediocres encherá os areais que caen máis ao norte do corazón. Na fin de mes, a folga pode ser xeral, e detrás do espello poden vostedes observar o rostro inútil do fracaso. Será unha posibilidade entre moitas. As listaxes do paro amosan a crueldade, mentres o ministro español Arias Cañete, incríbel, ve medrar o duro plástico nas brásicas. Fagan xogo, señoras e señores, porque o azar pode medrar ou desaparecer para sempre.


Te puede interesar