Opinión

A FALACIA DO ESTADO DE BENESTAR

Denantes, quero dicir, que como un trebón insubmiso e antifascista, ecoan en nós-outros as palabras pronunciadas polo compañeiro Carlos Taibo, en Madrid, vai agora un ano: 'Eses dous grandes partidos en singular, escenifican todos os días unha aparente confrontación ideolóxica que agocha que por detrás están de acordo en todo o importante'. Só vagamente, o PSOE, -que hipocrisía aínda manter o nome!-, representa aleves partículas dunha esquerda fagoticizada pola mediocridade e a estulticia. Pola outra banda, a dereita da que inutilmente quer fuxir o PP, converxe patética coa social-democracia española. Na nación negada por ese status quo, que tan ignorantemente ben ficaba na boca sevillana de Felipe González, ai ?falamos de Galicia/Galiza-, o 'eterno aspirante' ao caxato de mando da alcaldía coruñesa, entrou de arribada forzosa e/ou forzada, cabo de Beiras nun 'encontro irmandiño'. Con esa e outras compañas de viaxe, ben bouco crédito terá o sentimentalismo revolucionario do noso amigo. Acreditamos o intelectualismo de Xosé Manuel Beiras, pero de ningunha maneira a pseudo-hipótese inteletiva do ex seminarista retornado á 'docencia', ou cecais á discencia, non é? Dende unha posición nun chanzo superior, calquera individuo pode aparentar o que non é. Algo do que se di aquí, aconteceulle ao defunto Sergio Rábade Romero, mentor á mantenta dunha manchea de despropósitos a propósito de Spinoza, cabo da imposibilidade de Descartes. Que foi daquela revolta da indignación contra a usura universal? Semella que apodrece na singradura insólita deste abril e primavera, de brial inconsútil (túnica sen bastilla), cal a Nausica de Prometeo, obra de Ramón Pérez de Ayala, aquel intelectual ao 'servizo da República', canda Ortega y Gasset e Gregorio Marañón, liberado do 'elogio y nostalgia de Toledo', se cadra. Foi máis nada que azar? Ou talvez ventura e desventura? Despois da descuberta de El-Rei de España cazando elefantes a máis de dez mil quilómetros de Madrid, non produce en nós estupor ningún o xaque mate en defensa da monarquía, tanto de por parte do PSOE como do PP, os señores Rajoy e Pérez Rubalcaba, puxéronse 'estupendos'. No esencial/fundamental están unidos polo cordón embigal da sombra totalitaria e fascista, ergo capitalista, non o esqueza a esquerda unida/desunida por bagatelas e outras 'sobras do banquete'.


De vergoña allea foi constatar a criminosa ignorancia de moitos dos profesionais do dereito español, constitucional por enriba de todo.


El Quixote é un libro contra España, poñamos por caso, como tamén é Guzmán de Alfarache, de Mateo Alemán. Choveron e aínda choven palabras obscenas, discursos da banalidade. Que nome quererán poñerlle agora á ladroería de toda a vida? Eis o estado de benestar do que fala a labilidade dos estólidos. Non constituirá delito de 'lesa patria' silenciar aquí o nome 'del Caballero de la triste figura'? Coido que non.


Te puede interesar