Opinión

España libre e patética

Se non nos atinxisen os problemas e ‘felicidades’ do Estado español ‘democratico’, parlamentar e monárquico, aos que defendemos a existencia da nación galega que nega o propio status que indicamos, minimamente podería importarmos o actual circo da nación española inserida na UE e co euro por divisa. O que digo, facendo uso da liberdade de expresión que me outorga, mutatis mutandis, a máis que ambigua e contraditoria Constitución española, onde o antagonismo ou antítese principal casa abrupta, policial e militarmente, con/contra o mínimo sentimento da razón. A España eviterna e montaraz, reaccionaria e aínda protofranquista, partidos polítos adscritos á dereita e á esquerda tamén de feiras festas e romarías; maxistrados ou xuíces, do común para arriba, dan espectáculo e escenario, tanto en Valencia como na ‘Villa y Corte de Madrid’, capital da España constitucional posfranquista, onde se representan, cal esperpento valle-inclanesco, a urdime ou envurullo da Gürtel, e o insólito e paradoxal proceso ao xuíz Baltasar Garzón, entre outras diligencias, por querer el facer xustiza ‘histórica’ polos crimes cometidos polo franquismo un de cuxos brazos armados dese terror foi, sen dúbida, Falange Española de la JONS, e xunto a ela a grea ultradereitista ‘Manos Limpias’. O maxistrado Luciano Varela Castro, do Tribunal Supremo español de admitir e tramitar a querela criminal contra Garzón, Luciano digo, con quen outrora teño parolado no mediodía sabático do café ‘Carabela’ na vila de Pontevedra que un longo tempo da miña vida habitei. Recordo alí a Xosé Fortes Bouzán, Sabino Torres Ferrer e César Portela.

O expresidente da Xeneralitat valenciá non foi declarado culpábel dos actos delitivos que se lle atribuían; as conversas gravadas, para o xurado xulgador, van da inocencia á vacuidade, á bagatela. Camps é un paradigma digno dunha maior gloria ca de Bernini; os derradeiros días de Pompeia non deixan de ser unha mentira que transcende a calquera piedade. Ora pro nobis, mastigou esoutra tarde deste inverno a velliña do tute godallo da vida.

Podería a Constitución consagrar as mentiras, o cinismo estarrecedor de tantos seres da vida?

O Estado español e aconfesional, non ten credo de ningures, pero os cargos ‘xúranse’ diante do crucifixo, a Biblia de Xerusalén, ou a propia Carta Magna.

A xustiza española, antes e despois do proceso a Baltasar Garzón, terá moitas dúbidas formais para declarar inmoral e ilegal o fascismo criminal e histórico da Falanxe…?

ETA con tantas vítimas nas súas costas non se pode presentar aínda que mude de homes e de nomes. Falange Española de las JONS e toda a ultradereita que defende e quere silenciar os crimes do franquismo, si. Luciano Varela é a punta do iceberg que se presta a ese macabro xogo, non é?

Aínda os mortos erguen impunes e silenciados nas cunetas de Luís Pimentel: Sombra do aire na herba.

Te puede interesar