Opinión

'ESPAÑA, CORAZÓN MÍO'

España, máis que un ideograma xeográfico é o delirio dun consumatum est da banalidade que cabo de todo e nada representa a mediocridade, a lene insoportabilidade do ser que a penas albiscou o esquecido novelista Milan Kundera. Non hai tradución ao galego do seu celebrado romance: La insoportable levedad del ser, (Nesnesitelná lehkost bytí). Sento non poder dicir outra cousa dunha novela que foi lida por un abano de españois extraterrados, imposíbeis. As mulleres, ata onde eu sei, na Compostela abatida pola procacidade burguesa, perderon para sempre a intelixencia ?e porque non o norte de si?- despois de ler o título que en castelán ?español- recordo. O que veño de dicir non constitúe ningún xuízo de valor, pero si constata o barolo (balor) no decurso do tempo, os días nos que Caín, libre á fin do imaxinario colectivo e enfermizo fuxiu cara o paraíso capitalista de Manhattan. Eva, a súa delicuescente nai, unha vez que soubo da fuxida do fillo, morreu de alcol e melancolía nun hospital benéfico do arrabalde parisino, un domingo de terror, hai xa ben de anos, cando o xeneral De Gaulle presidía a República. Quen escribe este artigo cuxa lectura vostedes debullan, procuraba Lugo, e 'retrataba' as putas de posguerra canda vellas beatas, en roupa de alivio esvaecido, a lle levar unhas candeas á virxe dos 'Ollos Grandes', esa 'argos divina' que quixo, creo que o crego catedralicio locatario Pallares Gayoso, sempre citado por Narciso Peinado e Xosé Trapero Pardo, xa mortos. O segundo foi importante redactor ao servizo do desaparecido diario lugués La voz de la verdad, cabeceira propiedade do bispado, ao dispor desvergoñado do reaccionarismo español, sui generis, tal como no-lo contou Ánxel Fole no 'Lugo-Bar', cabo da Porta de San Pedro, a propósito dun catedrático de Dereito Romano na USC. España en Galicia, na Galiza, é o caso, en todo este preámbulo para reflexionar agora sobre o 'trofeo' europeo que desputan agora as 'selecións nacionais' das que xa vostedes saben moito máis ca min. Leo a imprensa do status quo, a inserida na comunidade autonómica ou eremitoria. Nacionalidades históricas recoñecidas cal escarnio pola Constitución española. Os placebos cumpren o seu obxectivo neste desiderato. Na primeira páxina do xornal máis 'esquerdizante' e por engádega ecléctico de todo o Estado español, o presidente español Mariano Rajoy 'presente' no encontro entre as equipas de aquí e Italia, celebra o gol do empate, en Gdansk. Na mesma foto ampliada aparecen en idéntico celebramento os príncipes de Asturias. Felipe, futuro rei, tal vez, fai o mesmo que o ex rexistrador de inútiles propiedades, non na Comala de Juan Rulfo, senón en Galicia. 'España, corazón mío', letra non máis que dunha canción sen corazón. O tempo non inútil e perdido que choraron os poetas César Vallejo, Pablo Neruda, García Lorca, Miguel Hernández, Antonio Machado, León Felipe, Altolaguirre, Alberti? Bonjour tristesse, entoaba Françoise Sagan na memoria insurrecta de Paul Éluard, 'comme un monstre sans corps'.


Concedido o crédito de por parte das casas usurarias europeas, ese 'escuro obxecto do seu desexo' que non é outro que o goberno español que agora preside o avogado Rajoy, a banca española pode continuar tranquila: Choverán millóns de euros do paraíso xamais perdido. Rodrigo Rato, tan liberal el, poderá incluír nos seus próximos discursos uns versos ad hoc do poeta Milton. Do patio de luces chega o son de 'La bien pagá'. É Hespaña, despois de todo. Chove docemente nestes derradeiros días de primavera no esquezo de Donís e Piornedo. Oula o vento que anuncia o prezo das sardiñas para a noite de San Xoán.


Te puede interesar