Opinión

EPÍSTOLA NA ALTA PRIMAVERA

Confeso, non sen un certo pudor, que este 'Mar de Fóra' ía intitulalo Edicións para nenos. E por que? Ollen. As noticias esvaran polo xenérico da cibernética, como outrora escorregaban polos teletipos. Poñamos por caso Vietnam canto, cuxo alicerce sentimental e demoedor é a infamia da guerra proxectada e perpetrada polo criminoso Pentágono ianqui contra a memoria da antiga Conchinchina francesa, a estas alturas da bolsa, a vida e a morte. 'Mortos caíndo polos teletipos/lúas de Li Po afondadas pra que a lus seña a A de libertáaaa', escribía outrora decente e digno o noso inesquecíbel Uxío Novoneyra, en Brais Pinto, 'Cadernos da Gadaña', 1979. Meu deus de ningures, como transcorren os anos! O almanaque mesmo fai bronce coa miseria capitalista. Un acto de cinismo áulico, é a dimisión de Rodrigo Rato como presidente de Bankia para que o trécola de Mariano Rajoy (ai se fose el!) inxecte sangue, suor, bágoas e ouro/euros do público erario español, incluídas as autonomías. Aquí, na nación negada, o señor Gayoso, non dimite, nin falla que lle fai. O seu curriculum vitae, a xeito de 'biografía', non tería desperdicio nos andeis das librarías ad hoc, como a de Mario Conde. Contan que entrou de 'neca' no casarío precedente a Caixanova, e segue agora nos 'seus trece' con 'Novagalicia banco'. De 'botones' ou neno de recados que foi, chegou mesmo a ser unxido Doutor honoris causa 'pela' Universidade de Vigo, sendo Reitor Domingo Docampo.


Hoxe, de motu proprio non dimite ningún deus menor nin maior.


Leo nos papeis que me chegan que Núñez Feijóo, nun alarde de patriotismo presidencial galego, esixíu o mesmo trato para 'Novagalicia banco', é dicir, unha cantidade de euros públicos parecida ou non á de Bankia. 'Hoxe é un gran día para nós', dixo unha 'directora de cultura' da desaparecida 'Caixanova', nun introito, para pasar a presentar a obra pictórica dun artista galego na emigración. Todo un paradigma do despropósito; ou da ignorancia, e polo tanto fóra de lugar e recibo?


Unha cousa é ser un ignorante, e outra ben distinta é ignorar un fato e feixe de cousas das nosas vidas e camiños. Así o expresaba, en palabra ferida, o poeta español Jorge Guillén: '?dolor de las cosas que ignoro', na liña/nume de Juan Ramón Jiménez.


Entón, non está mal que haxa edicións de libros para meniños, adolescentes e xoves, todo proporcional ao exceso innecesario, as máis das veces. Unha virtude pedagóxica e mesmo didáctica é explicárllelo 'Quixote' aos nenos, como se lle pode explicar aos mesmos/semellantes infantes a vida, obra e milagres de Valentín Paz Andrade, galego a quen este ano, como vostedes non ignoran, se lle dedica o 'Día das Letras Galegas', algo que será posto en tea de xuízo, para ben e para mal, sen dúbida. Digo isto porque veño de ler unha 'Vida e obra' 'para infantes', da autoría da miña boa amiga Charo Portela.


Pór decote a Wall Street como referente da 'historia universal da infamia', puidese constituír un 'delito' de lesa información. Existen, cabo de todo, outras nomenclaturas tan abxectas como a devandita, dende o FMI; a OMS, mutatis mutandis; BM, BCE, e falsa relatividade social de todas as casas usurarias de uso e abuso coa complicidade e aquiescencia do dereito 'burgués' vixente, diga o que diga o paternalismo constitucionalista español, cegarato e desnortado, o mesmo que os gacetilleiros á matenta. Desce o desemprego, entre a bisutaría e a hostalaría.


Todo acontece ou transcorre a unha velocidade de vágado. Velái o Libro da vertixe, o poemario polo cal Anxo Angueira fora galardoado en Compostela, van alá case vinte anos, non é? A luz dun outono non indiferente, mar de pedra, caía sobre as sombras de Camelias Street, fóra do sagrado.

Te puede interesar