Opinión

Emerxencia nacional

Emerxentes foron os mariñeiros e os “construtores” dos barcos que xurdiron en Bouzas entre os anos 40/60 do século pasado. O fascismo non deixou de estar alí, autoprotexido polas camadas ignorantes da historia. Os antigos ‘libertos’ deixaron de ser cimarróns e sumáronse ás ‘sobras do banquete’ putrefacto, fedorento; os asasinos tipo Erasmo Montenegro, como outros moitos na Galicia mártir, non tiñan que lavar as mans con ‘xabón de olor’, hoxe esquecido e atomizado máis que socializado pola estafa que cabo de todo constitúe a democracia burguesa, aliada da infamia global deshistoriada. A dignidade non é precisamente un valor que se cotice en Wall Street, como referente. Aquí e nas tardes ausentes de París xa non enrubece nin dios, e pouco serve que se saiba que un xenro de El-Rei de España sexa un ‘chourizo’. Juan Carlos I é xefe de Estado nunha ‘monarquía parlamentar’ (qué dislate!). Despois de todo, el, con cartos que en parte proceden dos impostos que pago por esta cervexa estranxeira que bebo mentres escribo este ‘Mar de Fóra’, cabo de todo, digo; el, insisto, do ‘público erario’, vai premer o gatillo aló nunha estrema de África, ‘tronco común’ de ningures… O de Urdangarin, á fin de contas, non é nada, se os ‘representantes’ do pobo español elixidos por uns e outras, teñen a ben comparalo co caso Gürtel, e mesmo os asuntos de todos os bancos, cos nomes de proprios de si nos que se acobillan as antigas caixas de aforros e ‘montes de piedade’. O cómputo xenérico da gramática aclararía moitas cousas, pero o ‘dereito español’ foi esmorecendo na fría indiferenza das matemáticas, da xustiza apócrifa dos números, na grandilocuencia barata do presidente’ do Tribunal Supremo (TS) español, Carlos Dívar, tamén icona do Consejo General del Poder Judicial–CGPJ- (ídem de lenzo).

O facherío español resistente e ‘inasequíbel ao desalento’, berra nos recantos da intrahistoria, escribe nas páxinas da neoilustración democrática, proclámase “autonomista de verdad”, pero non ignora na súa patética estolidez que o ‘Estado de las autonomías’, entre outras cousas, foi creado para perpetuar o centralismo do status quo español. O enigma sen resolver, que podería proclamar o extinto historiador Claudio Sánchez Albornoz, é a nacionalidade histórica, lilaila que a Constitución de España, ‘toca’ nunha recidiva tan banal canto inútil. Eis, que o señor Núñez Feijóo, actual presidente polo PP español en Galicia, xogando igual ca os da banda máis aparente que clara esquerda do PSOE, tamén con sucursal na nosa negada nación, diga a propósito do AVE que ‘ante una situación de emergencia nacional’, o comboio non pasará pola variante de Cerdedo.

O señor alcalde de Vigo brada ao ceo. O de Lugo está afeito a calar.

Bankia non é máis que un acedo paradoxo no vértice da barbarie capitalista que nos asola. A friponería súmase á causa.

Un silencio de neve presentida asoma a súa faciana estremecida polo mes recen estreado. Ole a lume vello e sardiñas. Na posibilidade de tódolos decúbitos, femme en fleur pasea polos areais do intempo, pousada a lúa en Samil.

Te puede interesar