Opinión

OS DEREITOS DOS MORTOS

En dereito, todo o mundo ten tal, pero as obrigas xa son outra cousa. Rebaixas de alta primavera despois do cosumatum est, despois da obscenidade das 'vodas de sangue', non lorquianas. Que democrática relación entre as vítimas e os verdugos! Que amizade, que camaradería, que solidariedade! Que exquisitez nas palabras que in nómine do ollo cibernético do amo informa ao morto do seu estado! Se non es consciente da túa índole de escravo, xamais poderás ser libre, home novo, licenciado en cen necidades e outras tantas estulticias, 'liberto', ser humano, de xi centímetros cúbicos de capacidade cerebral, craveiral. A antropoloxía, non lle quita nin lle dá razón a ninguén, e cecais o ADN non descubra, para nós, máis nada que obviedades, tautoloxías, para sermos máis cultos/sabios de 'casino sen regras', como o que dirixe Felipe González en Europa e África, o mesmo ao que están adscritas as 'forzas aliadas', díganse/chámense OTAN, FMI, ONU (mutatis mutandis), OMS, Conferencia Episcopal española; CEOE; sindicatos independentes dos grandes matadoiros do imperio; ONGs sen 'ánimo de lucro' (Urdangarin de mentor e asinante); altruísmo bancario representado por Emilio Botín, 'línea directa', antiga Banca de San Carlos, que no seu día estudou para a intrahistoria o investigador andaluz Ramón Carande; montes de piedade e outras casas de empeño de aquí e acóla. Fan arder máis que adrede unha manchea de ferrados da fraga do Eume, cuxa destrución sistemática comezou hai máis de trinta anos, e agora 'descubren' as inefabeis organizacións medioambientais, tan ignorantes como longamente indecentes, agás as que esgazou a estrutura ruín do capitalismo, do mundo global, de norte a sur, de oriente a occidente. Que necesidade hai de pór unha fábrica de salazón cabo do mar arrebatado e Vigo, ou de calquera outro porto/peirao da nación galega negada polos colonizados por España e o status democrático/monárquico que defende mesmo a inmoralidade e a indecencia de moitos dos ex comunistas agora adscritos ao refugallo da social-democracia engolida pola barbarie capitalista?


Non se asombren os neodemócratas e demais herdeiros do fascismo in sepulto de cá momia erga do seu covexo infame do 'Valle de los Caídos' para revisar a cordame e os nós que manteñen intactos e vixentes o acólitos sentimentais dos criminosos camiños. Así, o presidente da patronal galega, se é que a definición é correcta, teña el o 'desenfado de se despachar' como un vello 'tendeiro do tedio' (Celso Emilio Ferreiro. Viaxe ao País dos Ananos) para insultar a toda a clase traballadora, secularmente explotada pola violencia dos 'piquetes de si', despedindo e abaratando as condicións do 'libre mercado'. Cal, entón, a orixe, do acto delitivo, criminoso?


Aos sindicatos españois ad hoc, hai que substraerlles calquera tipo de esmola ou subvención; pero á CEOE, poñamos por caso, polo seu 'altruísmo', como non, ampliárllela 'propina' que xenerosamente lles concede o 'erario público': pasar dos 800.000 que recibe agora, ao que recibían antes da 'crise', aceptada polos ínclitos nun exemplo de solidariedade nacional española, máis que un dicir. Quo vadis, monseñor?


Te puede interesar