Opinión

ADÉU, TÀPIES; BONA NIT, ANTONI

Deteño no tempo a figuración inútil de calquera proposta para un sintagma tan efémero como difuso, confuso: 'Educación para a cidadanía', un pretexto para continuar, para entendérmonos mellor na íntima e non última definición da materia. Logos, a definición e o tránsito da causa; expresar/retratar/explicar o tempo e o vento máis alá do abstrato que espaventou, cavilando en Tàpies, aos poetas que quixeron aproximar os seus sentimentais versos á doce sima abisal e certa do surrealismo, ao inmanente das vangardas, como Antoni, como procurou Segrelles nos seus collages sen medo á indefinición do abandono; como Picasso cando nos amosa a outra faciana da realidade. Para que renunciar á liberdade de sermos libres incluso da aliteración cativa da gramática e a súa accidentalidade? Fóisenos Tàpies, un pintor a quen Álvaro Cunqueiro deostaba dende a inconsciencia do receo a penas ideolóxico. A física da memoria faime agora intertextualizar a desaparición de Antoni Tàpies co Canto a Teresa, do poeta romántico español José Espronceda: 'Que haya un cadáver más ¿qué importa al mundo?' . Denunciemos a sinonimia/secuencia cal progresión xeométrica dos idiotas, a outra e in-definitiva 'conxura dos necios' que regresa sen memoria ás poxas banais do mercado dos luns en Wall Street, por onde deambula unha mutitude de formigas tan cegas como como unha noite sen ollos. A vida, cabo de todo no é máis que un campo de batalla zarrado pola voracidade burguesa que procura facer negocio co ouro e co lixo, coa vida e coa morte. É La nausée (A náusea) permanente que un día anunciou para nós-outr@s Sartre, mentres colexía a versión de Les chemins de la liberté (Os camiños da liberdade), corporeizar o vento, o tempo; a imaxe do infinito desdebuzado no horizonte para sermos máis libres, que a materia é a esencia única do espírito. Asi foi quen de formulado Eistein, como esas aproximacións de Antoni Tàpies cando materializa o son da música, a tempestade, o devalo das ondas, o ir do vento nas figuras efémeras da area; o pouso do fume que pasa e sempre fica na memoria de nós, para formular outro soño do que a penas somos testimuñas mudas nos ergástulos tan imposíbeis como fútiles do tempo. Adéu, Tàpies, unha sombra en todas as sombras, 'argamasa' de palabras ambiguas na súa claridade, luz que atravesa definitiva os corpos, a materia non indiferente, pálida intensa expresión en alba gris, silente.

Te puede interesar