Opinión

O despovoamento do rural

Amanifestación realizada hai uns días en Madrid contra o despovoamento das zonas interiores ten unha relación directa co sistema económico e social, que dá folgos á centralización e concentración da riqueza e do poder, mediante a globalización neoliberal e a economía de escala. É unha cuestión de fondo que forma parte dun paquete máis amplo, no que hai que engadir o actual axuste na cadea de valor entre países e sectores produtivos, nun contexto no que a cobiza e a competitividade impoñen a dinámica económica e política. E, como resultado destes obxectivos: a precariedade laboral e caída dos salarios, as migracións masivas forzadas pola desfeita ecolóxica e o intercambio desigual, a privatización da xestión pública, a militarización das relacións entre países, e a redución das liberdades democráticas, o medre da economía delitiva e da especulación, etc. 
Agora ben, a perda de povoación nestes territorios “interiores” dáse en todo o mundo, polo proceso de concentración, aínda que en diferente grao e con resultados moi distintos, e afectando sempre en maior medida ás nacionalidades dependentes. Nos estados centrais do sistema á perda de habitantes nos territorios “interiores” sumáselle, nas nacionalidades cun carácter subalterno e dependentes, o recuar da povoación en todo o territorio (incluídas as urbes). Como consecuencia da emigración, falta de emprego, precariedade, e o papel secundario na cadea de valor (carácter estratéxico das empresas foráneas en todos os eidos, exportación de recursos primarios, etc.). 
Son atrancos que non se solucionan coa banda larga de Internet ou unha menor presión fiscal, como propón agora en época electoral algún partido, xa que aínda que estas medidas sexan positivas son unha pinga nun caldeiro. Hai excepcións (como Allariz) nas que con iniciativas, e aproveitando ao máximo as potencialidades do lugar, foron quen de deter o recuar demográfico. Evidentemente non foi por casualidade, senón parte dun proxecto que valora o propio, ter en mente un modelo máis igualitario e achegado ao povo. Mais as excepcións non constitúen a regra xeral.
Ou sexa, non se pode obviar que se trata dun problema sistémico, e pra solucionalo fan falla cuantiosos recursos e un novo modelo económico e social, no que teña un papel relevante o sector público. Un novo sistema onde prevaleza un desenvolvemento autocentrado e sustentábel, que ordene o territorio dun xeito equilibrado e lle outorgue a todas as bisbarras de Galiza o papel que realmente lles corresponde por potencialidade na produción e o emprego. E iso implica, a revalorización dos prezos agrarios, a mellora nas comarcas en declive dos servizos, do transporte público e Internet, potenciar as vilas como centros dinamizadores e alentar a instalación de empresas de transformación e comercialización (por que non públicas cando sexa necesario?)
Polo tanto, de pouco valen as promesas electorais con solucións parciais, nun problema que é consubstancial co capitalismo. Cómpre ir ao miolo da cuestión, porque do que fagamos depende o futuro, non só en termos de condicións de vida, senón tamén pra que se manteña un equilibrio demográfico, que subsista nosa cultura e lingua, e pra evitar a desfeita dos ecosistemas. Sei que no futuro non se poden manter as 30 mil aldeas do rural galego, mais si facer un reparto racional da povoación que non converta en desertos o que durante miles de anos foron comarcas cheas de vida. O retroceso demográfico nuns lugares esta ligada coa super-povoación noutros, é parte dun sistema no que as desigualdades e as contradicións non deixan de medrar, tanto entre potencias, como entre estas e os países subalternos, e no interno entre as clases sociais. É posíbel un mundo distinto, máis racional, xusto e solidario. 

Te puede interesar